O veleiro Laion de COGAMI participa na travesía náutica xacobea partindo dende Ribadeo ata Cabo de Cruz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportes
A-
A+

O mércores e xoves, días 2 e 3 de xullo, dende o Real Club Náutico de Ribadeo, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, o Laion iniciaba a tempada de verán realizando bautismos de mar con persoas con discapacidade nos que as persoas participantes, ademais de gozar dunha viaxe en veleiro, puideron aprender nocións básicas sobre a navegación a vela, a realización de nós náuticos, e incluso, manexar o temón.

Estas primeiras saídas foron a antesala á participación do Laion (Proxecto GAVEA: Galicia Vela Adaptada) na primeira Travesía Náutica Xacobea, organizada por ASNAUGA xunto con Turismo de Galicia para conmemorar o VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. Nesta travesía participan barcos do norte de Europa e da costa Cantábrica ademais de dúas goletas que están a facer unha ruta polos portos de Ribadeo, Viveiro, Ares, Camariñas, Portosín, Riveira e Cabo de Cruz.

Unha vez rematada esta primeira Travesía Náutica Xacobea o Laion continuará realizando a súa actividade de achegar a vela ás persoas con discapacidade, concretamente nos portos de Muros e Camariñas; e participará o vindeiro mes de agosto na Regata S.A.R. Infanta Elena en A Coruña.

O VELEIRO LAION

A navegación a bordo do Laion forma parte do Proxecto GAVEA que organiza cada verán a COGAMI, que ten en garda e custodia o veleiro dende o ano 2002, cando a Audiencia Nacional llo requisou ao narcotráfico.

O Laion, de 13 metros de eslora, ten capacidade máxima para 9 persoas: 2 tripulantes, que son persoas voluntarias que ceden o seu tempo para participar neste proxecto, 5 participantes con algunha discapacidade e outras 2 persoas acompañantes.

A embarcación conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador, permitindo gobernar o barco a calquera persoa.

8 de xullo de 2014 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.