publicidade hoxe

O V Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas contará coa participación de gaiteiros de Galicia, Cataluña, Castela León e Portugal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioManzanedaOurense
A-
A+

Gaiteiros de Galicia, Cataluña, Madrid, País Vasco, Castela León e Portugal daranse cita os días 26 e 27 de xullo na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda no V Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas “Memorial Gabino García”, un evento promovido pola Deputación de Ourense e organizado polo Concello de Manzaneda coa colaboración da Xunta de Galicia e Oca Nova Manzaneda.

O Pazo Provincial acolleu esta mañá a presentación deste evento, un certame que a Deputación de Ourense ven organizando dende o ano 1991, inicialmente como Campionato Provincial de Bandas de Gaitas, logo como Campionato Nacional de Bandas de Gaitas, posteriormente como Liga Galega de Bandas de Gaitas e dende hai catro anos como Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas.

O acto contou coa presenza do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde de Manzaneda, David Rodríguez; o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, e a directora de Oca Nova Manzaneda, Mónica Rodríguez. Rosendo Fernández destacou “o compromiso da Deputación de Ourense coa cultura tradicional pois, aínda en tempos difíciles, segue colaborando con este evento, todo un referente no mundo da gaita”.

Pola súa banda, Xosé Lois Foxo sinalou que esta actividade é un evento moi destacado dentro dos actos que se realizan en Galicia en favor da gaita, con actividades como a “Noite Celta”, o día 26, na que actuarán o Cuarteto Monterrei, as Cantareiras da Real Banda, a Banda de gaitas de Aveiro (Portugal) e a Real xuvenil. O día 27, ás 11.00 horas, comezará o certame de bandas de gaitas, entregarase o trofeo de Gaiteiros Solistas “Canmore”, e terá lugar a entrega de distincións aos representantes de Galicia Exterior, participantes e concursantes. Ademais diso, haberá unha mostra bibliográfica, discográfica e de instrumentos e vestimenta tradicional galega, a cargo do Obradoiro Os Alegres, de Pontevedra.

18 de xullo de 2014 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.