O túnel do viño Rías Baixas abre as súas portas até o domingo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+

O salón de Congresos e Exposicións José Pena de Cambados abría esta mañá as súas portas para acoller até o domingo a cuarta edición do Túnel do Viño e Catas Temáticas D.O. Rías Baixas. O secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o presidente e o secretario xeral do CRDO Rías Baixas, Juan Gil de Araujo e Ramón Huidobro e o alcalde de Cambados, Luís Arangude foron os encargados de inaugurar oficialmente esta nova edición do Túnel do Viño que ofrece a posibilidade de degustar un total de 126 marcas pertencentes a 56 adegas desta denominación de orixe.

Todos eles coincidiron en destacar o gran ambiente que houbo no Túnel desde a apertura de portas, o que augura que esta edición será, de novo, un gran éxito. De feito, nas catro edicións nas que se celebrou este túnel, esta é a que conta cun maior número de marcas. O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, fixo fincapé en que se trata dunha oportunidade única para probar viños de diferentes subzonas e elaboracións, nun ambiente idóneo e co asesoramento dun catador como Nacho Costoya.

Esta mañá tamén tiveron lugar as dúas primeiras Catas Temáticas, centradas en dúas adegas da D.O. Rías Baixas, o que permite ao consumidor final achegarse mellor aos viños elaborados pola adega, coñecendo ao elaborador e a historia que hai detrás de cada botella. Cabe lembrar que, tanto o Túnel do Viño como as Catas Temáticas continuarán até o domingo. O horario de apertura é de 11:00 a 13:30 horas e de 18:00 a 20:30 horas, coa excepción do domingo no que só abrirá en horario de mañá.

O custo da entrada é de 15 euros, prezo que inclúe unha sesión de cata de dúas horas e o agasallo dun catavinos co logotipo conmemorativo do 25 aniversario da Denominación de Orixe Rías Baixas. As entradas poden adquirirse directamente no Salón José Pena de Cambados.

31 de xullo de 2014 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.