O Trofeo Conde de Gondomar abre a tempada das grandes regatas de verán en Galicia

Presentación do Trofeo Conde de Gondomar
O Monte Real Club de Iates de Baiona organiza esta semana una das súas regatas máis emblemáticas, o Trofeo Conde de Gondomar, que este ano cumpre o seu trixésimo novena edición. A competición, que se celebra desde o xoves 24 até o domingo 27, pasará por diferentes puntos da costa Atlántica galega e incluirá tres etapas de travesía e unha manga de barlovento-sotavento.
A primeira das probas, a Etapa Turismo Rías Baixas, é unha das máis emocionantes do trofeo, pola súa distancia e complexidade. Son 100 millas de percorrido de ida e volta desde Baiona até o faro do Carrumeiro Mozo, coñecido como o Cemiterio dos Gregos. Un trazado coa dificultade engadida de que parte da etapa deberá realizarse de noite, con visibilidade reducida ou nula. Esta proba disputarana unicamente os barcos máis grandes, o xoves 24.
Os veleiros máis pequenos sairán ao mar o día 25, festividade de Santiago Apóstolo, a partir do mediodía, para completar a Etapa Vitaldent un percorrido costeiro cun trazado aínda por determinar, que se marcará en función das condicións de mar e vento.
O sábado 26, terceiro día de competición, a flota ao completo afrontará a Etapa El Corte Inglés, un percorrido de 32 millas con saída en Baiona e circunnavegación polos arquipélagos das Cíes e as Ons.
O domingo 27, último día de probas, será unha xornada decisiva. Os barcos deberán completar a Etapa Don Pedro de Soutomaior, un barlovento–sotavento no que a técnica e bo facer das tripulacións marcará as diferenzas entre as embarcacións. A xornada culminará coa entrega de premios ás 5 da tarde no Monte Real Club de Iates.
Un trofeo puntuable para outras competicións
As probas que se disputan no XXXIX Trofeo Conde de Gondomar puntúan para o II Circuíto Atlántico de Cruceiros, no que compiten tripulacións de España e Portugal. A do Conde é a segunda proba dun circuíto que finalizará o próximo mes de setembro co Trofeo Príncipe de Asturias, tamén do Monte Real Club de Iates de Bayona.
Ademais, a regata máis longa, entre Baiona e o Carrumeiro Chico, reservada para os barcos das categorías 0, 1 e 2 puntúa, para o Campionato de España de Altura “Memorial Ángel Zorrilla”, e todo o conxunto de probas suman para a Copa de España de Cruceiros da Zona de Galicia.
Próxima cita
A próxima cita coas regatas do Monte Real Club de Iates de Baiona é un dos pratos fortes da tempada, o Trofeo Príncipe de Asturias 2014, que este ano se celebra entre os días 5 e 7 de setembro.
Trátase da competición máis importante organizada polo club baionés, que se celebra de forma ininterrompida desde a súa creación, en 1985, e atrae á elite da flota nacional e internacional ás augas de Baiona.











