O tren do viño de Monterrei celebra o seu primeiro percorrido

Participantes na ruta A Todo Tren
Os Trens Turísticos da iniciativa A Todo Tren, promovida pola Xunta de Galicia en colaboración co Inorde e Renfe, realizaron hoxe a súa primeira visita ao D.O. Monterrei. A Ruta do Viño inicia así un percorrido que ten prevista a súa última parada o domingo 28 de setembro.
Promover as Denominacións de Orixe como destinos turísticos en Galicia, este é o obxectivo que perseguen as distintas Rutas do Viño incluídas no programa de A Todo Tren.
Así esta mañá saía de Ourense o primeiro dos seis grupos que ao longo deste verán participarán na Ruta de Viño de Monterrei. Unha ruta que inclúe un programa multidisciplinar, onde o viño se presenta acompañado da visita aos principais atractivos e reclamos turísticos da comarca, nun trazado que, antes de regresar a Ourense, debuxa no mapa paradas na Mezquita Vilavella, A Gudiña, Baños de Molgas, Xunqueira de Ambía e Allariz.
Deste xeito, á súa chegada a Monterrei, o grupo era recibido no Parador polo presidente do C.R.D.O. Monterrei, Antonio Ángel Méndez Atanes, que tras realizar unha pequena introdución á Denominación máis nova e prometedora de Galicia, ofreceu unha degustación guiada na que os visitantes puideron coñecer os principais perfís de viño que se elaboran nesta rexión vitivinícola.
A continuación todos se desprazaban a Gargalo, onde realizaron un percorrido pola viña e instalacións da adega para así coñecer as distintas fases que engloba o proceso de elaboración do viño. Todo iso nunha adega que suma como atractivo e trazo diferenciador a moda, que goza de gran proxección e visibilidade no transcurso da visita a esta adega.
O programa que hoxe daba comezo realizará novos percorridos no período estival con novas rutas programadas para os días: 19 de xullo, os días 3, 16 e 31 de agosto, e, por último, o 13 e o 28 de setembro.
Trátase de rutas programadas dun día de duración, que combinan o emprego de tren e autobús no seu trazado, e onde o grupo estará sempre acompañado por un guía a cargo da correcta realización do programa.
Os interesados poden realizar a contratación en Renfe, así como acceder á consulta do programa completo de actividades.











