O titular da Xunta apela á autonomía de Hernández para xustificar o papel outorgado a Currás

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou este xoves á “plena autonomía” do novo alcalde de Santiago, Agustín Hernández, á hora de organizar o seu equipo, para xustificar a súa decisión de manter Ao seu antecesor, Ángel Currás, con competencias e dedicación exclusiva, se ben o seu papel cinguirase a unha área limitada: a de Relacións Institucionais.

“O alcalde de Santiago ten as competencias que lle dá a lexislación local e, en consecuencia, plena autonomía para organizar o seu equipo”, sinalou Feijóo, quen tamén insistiu en que o seu obxectivo “fundamental” será “recuperar a normalidade” no Concello tras meses de polémicas xudiciais e “semanas” marcadas polo “rexeitamento” da oposición a “aceptar a aplicación da lei”.

Precisamente, sobre a postura de PSOE e BNG, que pretenden chegar ao Tribunal Constitucional polas súas dúbidas sobre un goberno con maioría de edís non electos, sinalou que os cidadáns de Santiago “xa se deron conta dos que querían ter un goberno e buscar unha solución, e dos que gozaban dos problemas” creados a raíz da sentenza que inhabilitou sete edís.

“Nestas últimas semanas”, remarcou Feijóo, os populares escoitaron “moitas críticas” acerca da incorporación de concelleiros non electos. “Agora tamén se critica que se manteña algún concelleiro xa electo; creo que cada un ten a súa opinión, pero o alcalde de Santiago organizará o seu equipo e seguirá tomando decisións para garantir a gobernabilidade”, contrapuxo.

RECIBIRÁ A HERNÁNDEZ “DE INMEDIATO”

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente tamén xustificou a súa ausencia na toma de posesión do novo rexedor, que tivo lugar este martes, e esgrimiu que cada un, Hernández como alcalde e el como presidente, deben cumprir “as obrigas” que estipulan as súas respectivas “axendas”.

Dito isto, recordou que ese mesmo día coincidiron no primeiro acto público de Hernández como alcalde, a presentación dun libro sobre os 30 anos de autonomía de Galicia, e asegurou que “espera e desexa” poder recibir a Hernández “de forma inmediata”.

10 de xullo de 2014 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.