O Sansa Futsal de San Sadurniño organiza o seu segundo maratón de fútbol sala
O club de fútbol sala Sansa Futsal está empeñado en volver poñer de moda os maratóns, polos que houbo tanta querencia en San Sadurniño aló polos 90. O ano pasado organizaron con éxito unha competición deste tipo e este ano recuncan para asentala definitivamente. O II Maratón de Fútbol sala de San Sadurniño terá lugar na pista do pavillón municipal os días 18, 19 e 20 deste mes.
As inscricións no maratón poderán facerse até o 16 de xullo e o sorteo dos grupos efecturarase ao día seguinte. Quen queira apuntarse deberá chamar aos números 630 288 080, 646 103 708 e 636 999 847.
Cada equipo terá que pagar 100 euros para optar a facerse con algún dos tres primeiros premios: 1.400 euros e trofeo para o primeiro, 600 e trofeo para o segundo e 200 e trofeo para o terceiro. Estas cantidades están calculadas para unha competición que consiga xuntar 32 equipos e reduciranse proporcionalmente se non se alcanza ese número.
As regras polas que se rexerá o maratón son as que marca a Liga Nacional de Fútbol sala e a organización sinala no cartaz anunciador que a idade mínima de participación son 16 anos. Ademais, tamén se apunta que a organización non se fará responsable de ningunha perda ou dano que se poida producir durante a competición.
O maratón de San Sadurniño está organizado polo clube local Sansa Futsal, unha entidade formada recentemente por xente moza de San Sadurniño e de parroquias limítrofes, como Doso e Pedroso. O Concello colabora neste evento ao que se suman 35 patrocinios de empresas da zona.











