O Rio Natura Monbus disputará un trofeo internacional en Leicester

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus disputará en pretemporada un torneo internacional que se celebrará  durante os días 19, 20 e 21 de setembro na localidade inglesa de Leicester, capital do condado de Leicestershire. Ademais do equipo compostelán que dirixe Moncho Fernández, os outros dous participantes serán, o equipo local Leicester Riders de Gran Bretaña, e o subcampión belga Okapi Aalstar. A participación do conxunto galego neste torneo, pola súa banda, é froito do acordo de colaboración asinado por ambos os clubs o pasado mes de abril coa visita do director xeral do Rio Natura Monbus, José Luís Mateo, ás instalacións do club británico.

O Rio Natura Monbus debutará no torneo o primeiro día -19 de setembro – enfrontándose aos os anfitrións, o Leicester Riders, ás 19.30 hora local (unha hora menos na península, 18:30), nun partido que será un importante test ante o club  campión da liga inglesa hai dúas tempadas e que perdeu na súa última campaña en semifinais ante os Eagles de Newcastle. O equipo local, despois destas dúas últimas tempadas, converteuse nun dos referentes do baloncesto británico. No conxunto, que dirixe o italoamericano Rob Paternostro, destacaron durante a pasada tempada dous vellos coñecidos do baloncesto español: a ex base do Baloncesto León, Jorge Calvo e o ex xogador do Joventut, Andrew Sullivan.

Un día despois (día 20 setembro), o Río Natura enfrontarase ao equipo belga da Basketball League Belgium (BLB),  o Okapi Aalstar, a partir das 17.00h en horario local. O club foi subcampión da liga a pasada campaña ao caer derrotado no quinto partido da final ante o Telenet Oostense, e tamén disputou a competición Eurochallenge. O conxunto logrou ser un dos máis importantes nos últimos anos da BLB, tres veces semifinalista da liga (2008, 2009 e 2013), e unha vez campión da Copa de Bélxica (2012) ademais de ser subcampión (2013) e dúas veces semifinalista (2008 e 2010) nesta mesma competición.

Tanto Moncho Fernández como o adestrador local, Rob Paternostro, mostráronse moi satisfeitos coa noticia. “Participar nun torneo fóra de España e deste nivel é para nós moi importante, tanto deportiva como extradeportivamente. Espero ademais que a xente galega que vive en Reino Unido veña a gozar da presenza do noso equipo eses tres días”, afirmou Fernández.

Pola súa banda, Paternostro afirmou “estar encantado de traer baloncesto europeo a Leicestershire. Será un torneo excelente de cara á preparación da tempada e tamén unha oportunidade para os nosos afeccionados de ver baloncesto top do continente”.

Tras esta importante participación no torneo internacional de Leicester, o equipo do Rio Natura Monbús continuará coa súa preparación de face ao comezo da liga Endesa o próximo 4 de outubro.

24 de xullo de 2014 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.