O PSOE mostra a súa absoluta decepción pola reunión entre Hernández e Feijóo
O voceiro do PSOE no Concello de Santiago, Francisco Reyes, considerou “unha absoluta decepción” a reunión mantida entre o novo alcalde, Agustín Hernández, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que interpretou, ademais, como “a primeira foto dun álbum”.
Para o socialista, segundo afirmou en rolda de prensa a preguntas dos xornalistas, o encontro estivo marcado pola “ausencia de temas que preocupan á cidadanía”, entre os que se referiu á estación intermodal, a de autobuses, a conexión coa Cidade da Cultura e os polígonos industriais, entre outros.
Sobre os 2,3 millóns de euros que a Xunta destinará a Santiago, Reyes criticou que é “exactamente o reflectido” no presuposto para 2014″ e dixo, ademais, que esta partida de diñeiro “non chega ao obtido con Touriño –titular do Goberno galego durante o bipartito–, que foron 3 millóns”.
Así mesmo, tamén remarcou que “está lonxe do que necesita a cidade”, xa que segundo destacou, de acordo cun estudio da Universidade de Santiago de Compostela (USC) de 2003, “Santiago precisaría máis de 5,5 millóns de euros”.
En canto á futura creación do ‘Bosque de Galicia’ no Gaiás, o voceiro do PSOE recordou que é un proxecto que “foi presentado xa no ano 2000”. Ademais, mostrou preocupación porque o Partido Popular, entende, “pretende dedicarse a facer campaña electoral, como anunciou Hernández”, nos nove meses que quedan ata as eleccións municipais, en vez de “intervir na cidade”.
Por outra banda, o PSOE local pediu a Agustín Hernández que se reúna coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, anterior cargo do rexedor, para que “faga todo o que el non fixo en Santiago”.
OBRAS NA CATEDRAL
O voceiro socialista na capital galega comentou a decisión de Feijóo de destinar 2 millóns de euros máis ás obras da Catedral. Sobre isto, Reyes constatou que “a Catedral é importante” e que a ela se destinan “o 60% do presuposto do Consorcio de Santiago”.
Así mesmo, admitiu que é unha medida “positiva” pero avisou de que hai máis problemas na cidade e de que “hai que atendelos”. Neste sentido, advertiu de que existen “4.000 familias en risco de exclusión social”, tema do que “non se falou na reunión”.











