publicidade hoxe

O proxecto de iluminación exterior de Campo Lameiro, Cerdedo, Cotobade, Moraña e Cuntis permitirá aforrar ata un 60%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCampo LameiroCerdedoCotobadeCuntisMorañaPontevedra
A-
A+

A Xunta de Galicia, no seu afán por impulsar medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local, prestando apoio económico aos concellos galegos, vén de resolver a liña de axudas para a renovación da iluminación pública exterior. Neste sentido, e como destacou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, nunha visita ao concello de Cotobade na que estivo acompañado polo delegado da Xunta, José Manuel Cores Tourís, a través deste programa a Consellería de Economía e Industria facilita a substitución de luminarias por outras máis eficientes en 24 agrupacións municipais que verán diminuída a factura eléctrica das zonas beneficiadas en ata un 60%. Entre, estas agrupacións figura a de Campo Lameiro, Cerdedo, Cotobade, Moraña e Cuntis.

A actuación suporá un aforro na factura eléctrica anual da agrupación de máis de 30.000 euros nas zonas beneficiadas, e un aforro enerxético de arredor de 140.000 KWh/ano. Deste xeito, o concello de Campo Lameiro aforrará por exercicio máis de 10.000 euros, Cerdedo case 2.000 euros, preto de 8.000 euros no caso de Cotobade, 6.000 euros en Moraña e arredor de 4.500 euros en Cuntis. Así mesmo, o conxunto das novas instalacións suporán unha redución das emisións á atmosfera de preto de 90 toneladas de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de 4.545 árbores.

Do total do montante económico da axuda, cada concello recibirá 51.000 euros para levar a cabo a reforma nas súas vías públicas e por en marcha o aforro que esta medida lle suporá a cada un deles. Neste contexto, modificaranse un total de 437 puntos de luz no conxunto dos cinco concellos.

“A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou Bernardo Tahoces. Deste xeito, resaltou, “a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, mostra unha especial sensibilidade cos municipios por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”, tendo as medidas adoptadas un maior grao de visibilidade e repercusión pública.

Vinte concellos de Pontevedra

O director xeral de Enerxía lembrou que a Xunta de Galicia, co fin de impulsar medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local, destinou este ano máis de 4 millóns de euros a este programa de iluminación exterior. Deste xeito, a liña permitirá desenvolver actuacións en preto de vinte concellos pontevedreses. En total, desde o 2009, máis de 230 municipios galegos están a apostar polo aforro e a eficiencia enerxética a través desta orde de axudas.

Así mesmo, a liña promoveu, unha vez máis, os proxectos colaborativos como o de Campo Lameiro, Cerdedo, Cotobade, Moraña e Cuntis, que viron incrementada a contía da axuda ata o 85%, fomentándose así a cooperación institucional e diminuíndo os custos de execución.

17 de xullo de 2014 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.