O programa de Policía Comunitaria da Coruña intensificarase no segundo semestre do ano
O tenente de alcalde de Seguridade e Mobilidade, Julio Flores, acompañado polo director de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, o xefe da Policía Local, José Antonio Brandariz, e varios dos mandos do corpo, mantiveron unha reunión con representantes das dúas federacións veciñais da cidade para facer un seguimento do programa de Policía Comunitaria, iniciativa que se reforzará no segundo semestre de 2014, tal e como o concelleiro trasladou aos veciños.
Flores informoulles de que, durante o ano 2013, no marco do programa da Policía Comunitaria, mantivéronse un total de 77 reunións, 41 delas con entidades veciñais, 4 con asociacións de empresarios e comerciantes e 32 con representantes de centros docentes: “No primeiro semestre de 2014 envorcámonos máis en realizar un seguimento aos colexios pero xa anunciamos que de face ao segundo semestre impulsaremos os contactos coas asociacións veciñais”, avanzou.
O concelleiro sinalou a importancia deste contacto permanente coas entidades e o intercambio de información, o que permite que a policía coñeza as principais inquietudes dos cidadáns e poida enfocar e orientar algunhas das accións da Policía Local co obxectivo de atallar problemas puntuais que se detectan nos barrios, deseñar estratexias e realizar un seguimento das mesmas: “A metade das demandas que nos trasladan estes colectivos non son cuestións que a Policía Local poida resolver de forma directa, polo que se dá traslado ás concelleiras de Barrio para que deriven as demandas aos departamentos correspondentes, por exemplo temas de obras, urbanismo, de melloras de sinalización ou de xardíns. A outra metade das demandas si afectan ao labor policial e a gran maioría céntranse en temas de estacionamento indebido, conflitos de convivencia veciñal ou tenencia de animais”, matizou.
Julio Flores informou de, que no que vai de ano, recibíronse, a través desta canle, un total de 45 demandas ou suxestións das que 23 xa se solucionaron e as outras 22 están en vías de solución: “As cuestións que nos expoñen a través do programa de Policía Comunitaria adoitan resolverse co traballo da patrulla planificada, un corpo que naceu a raíz do despregamento da Policía de Barrio para centrarse en temas puntuais e especializados como pode ser o control de venda ambulante ou a violencia de xénero, entre outros”.
A reunión tamén serviu para que os veciños coñecesen de primeira man o funcionamento da Policía Local e a traxectoria deste corpo desde que en 2011 reactivouse a Xunta Local de Seguridade, deseñouse o primeiro Plan Local de Seguridade e desde que en 2012 reestruturouse a Policía Local co obxectivo de posibilitar o despregamento da policía de barrio.
“Nos últimos 3 anos duplicouse a media de policías destinados aos barrios pasando dos 50 de 2011 aos 95 de 2013; as unidades de distrito pasaron de ter o 46% de efectivos ao 61%; e multiplicouse por 5 os barrios diarios patrullados a pé, de 3 ou 4 diarios en 2011 a 15 ou 20 en 2013”, asegurou Flores, quen engadiu que un dos datos máis rechamantes é que, desde 2011 a 2013, as chamadas atendidas incrementáronse nun 7% en canto ás patrullas en vehículo, un 11% en moto e un 380% a pé, o que demostra a maior eficacia e proximidade ao cidadán deste tipo de patrullas.
Flores finalizou agradecendo ao corpo da Policía Local a súa entrega e aos diferentes colectivos da Policía Comunitaria as súas achegas e animoulles a seguir nesta liña de colaboración co obxectivo de derivar os recursos policiais ás necesidades dos cidadáns e dos barrios e mellorar a sensación de seguridade dos veciños.











