O programa de dinamización lingüística chega a Cerdedo con Augalingua
O programa de dinamización lingüística FalaRedes, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, presenta a actividade estival Augalingua, que ata o 1 de agosto estará de xira polos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. A iniciativa de fomento do galego inclúe este ano 150 sesións lúdicas a través dun total de cinco actividades que buscan promover o uso e a valoración positiva da lingua de Galicia, especialmente entre a infancia e a mocidade, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma. Nesta ocasión visitará o Concello de Cerdedo o mércores 16 de xullo de 16.00 a 18.00 h.
Chegado o verán, Augalingua súmase ás catro propostas postas en marcha ata o momento polo FalaRedes 2014 con grande éxito: o concerto Toc Toc, a obra de teatro As fabas máxicas, o concurso Os Bolechas e o Sabichón e o concerto de fados Os sons do vento que pasa, as tres primeiras dirixidas ao público infantil-familiar e a última ao de todas as idades.
Agora, nesta quinta actividade do programa, os protagonistas serán os rapaces de 6 a 12 anos, que se achegarán ao galego de xeito lúdico e participativo durante o seu tempo de ocio nas piscinas municipais ou praias fluvias dos seus municipios. En Augalingua a rapazada participará en grupo nunha divertida xincana lingüística na que tamén terá que superar unha serie de probas de habilidade e rapidez, sempre co apoio dos monitores de Reverso Comunicación Cultura e Lingua. Unha boa oportunidade para fomentar o uso do idioma entre os máis novos ligando a imaxe do galego á diversión e aos xogos.
Avalada polo grande éxito que colleitou esta proposta o ano pasado, nesta edición apostouse por mantela co mesmo nome e filosofía, se ben se presenta renovada con retos diferentes e refrescará a lingua en 20 concellos pertencentes á RDL que aínda non tiveron a ocasión de gozar dela. Toda a información sobre FalaRedes 2014 está dispoñible no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e tamén nas redes sociais.











