O programa contra a drogadicción “Educando no lecer” de Asfedro percibe 18.000 euros da Deputación da Coruña
A Deputación da Coruña comprométese un ano máis co programa “Educando no lecer” que desenvolve a Asociación ferrolá para o estudo e a prevención de drogodependencias, ASFEDRO, para evitar o consumo de drogas e promover o lecer sen recorrer a este tipo de substancias.
Para iso, os socios de ASFEDRO acoden ás zonas de marcha e informan aos mozos, a través de mesas informativas, das consecuencias que ten tomar drogas. Ademais, realizan analíticas gratuítas ás persoas que consumiron ou incluso ás drogas.
A Deputación achega 18.000 euros para levar a cabo esta iniciativa, o que supón o 80% do custo total (22.500 euros). O programa desenvolverase ao longo de todo o ano, con maior actividade durante os meses de verán, dende Pontedeume ata o Ortegal. “Estamos moi satisfeitos de volver contar coa colaboración da Deputación, e máis nestes momentos de dificultade, cando cada día é máis difícil recibir axudas”, declarou a presidenta de ASFEDRO, Olga Basterrecha, tras asinar o convenio co presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo.
Pola súa banda, o titular provincial gabou o labor que desenvolve dende hai anos esta agrupación porque “non só atende os toxicómanos, senón que a través dos seus programas trata de evitar novos casos de drogodependencia”.
O obxectivo da iniciativa é crear un espazo de referencia adaptado aos cambios e con capacidade de escoitar, co fin de facilitar aos posibles consumidores as ferramentas necesarias para espertar unha actitude crítica e reflexiva ante as drogas.











