O profesor Díaz Castro volve a Vilagarcía a través dunha exposición no auditorio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

“Nimbos de luz” é o título da exposición sobre Xosé María Díaz Castro que se pode visitar durante todo o mes de xullo no corredor do Auditorio Municipal. A mostra promovida pola Consellería de Cultura da Xunta chega a Vilagarcía a través do Servizo de Normalización do Concello e nela, mediante 16 paneis e varios audiovisuais que se proxectan en dúas pantallas, recóllese a vida e a obra do polifacético autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. O seu paso por Vilagarcía, onde exerceu como profesor no colexio León XIII durante anos, ten un espazo propio na exposición.

Mediante textos, fotografías, portadas de libros e revistas e mesmo documentos impresos e audiovisuais, a exposición “Nimbos de luz” repasa a vida e a obra de Díaz Castro cunha orde cronolóxica dividida en etapas que comezan coa súa infancia, o paso polo seminario e a escola poética de Mondoñedo, a súa etapa como mestre en Vilagarcía de Arousa, a chegada a Madrid, a publicación do poemario Nimbos e o regreso a Guitiriz. A partir de aí, a mostra segue co éxito e esplendor de Nimbos e o resto da súa obra. Tamén se aborda nun panel a temática da poesía de Díaz Castro, as súas lecturas e amizades, a herdanza da súa palabra e mesmo as opinións que sobre el e a súa obra expuxeron outros membros da intelectualidade galega como Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro, Méndez Ferrín ou Otero Pedrayo.

2 de xullo de 2014 | 12:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.