O presidente da Deputación visita en Baiona as obras de mellora da rúa Alcalde Pereira e da estrada provincial Tomiño-Sabarís

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaPontevedra
A-
A+

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, visitou esta mañá as obras de mellora e urbanización da avenida José Pereira Troncoso (coñecida co nome de rúa Alcalde Pereira) en Sabarís, na parroquia de Santa Cristina da Ramallosa, así como os traballos de mellora da seguridade viaria da estrada provincial Tomiño-Sabarís, no tramo que dá continuidade á mencionada rúa.

Durante a visita, na que estivo acompañado polo rexedor local e deputado provincial, Jesús Vázquez Almuíña, Rafael Louzán tivo a oportunidade de comprobar a boa marcha dos traballos, que previsiblemente estarán rematados neste mes de xullo.

As obras da avenida José Pereira Troncoso, que está a executar Construcciones Crespo, contan cun orzamento de preto de 295.137 €. As actuacións comprenden a humanización da avenida, coa substitución e mellora das redes de recollida de pluviais, saneamento e abastecemento, así como o soterramento dos cables eléctricos e de telecomunicacións, que se comezará a vindeira semana, ó que se suma a renovación do pavimento e a sinalización horizontal e vertical da rúa.

Trátase dun dos eixes de circulación más importantes do municipio, polo que a avenida soporta unha elevada intensidade de tráfico. Esta presentaba unha notable deterioración do firme da calzada e das beirarrúas e unha sinalización deficiente, así como unhas instalacións obsoletas de saneamento, abastecemento e outros servizos.

Como continuidade desta avenida, tamén se está a traballar na mellora da seguridade viaria no último tramo da estrada provincial Tomiño-Sabarís, cun investimento de algo máis de 115.000 € por parte da Deputación de Pontevedra.

Neste caso, os traballos consisten na renovación do asfaltado nun tramo de 700 metros no final da estrada, e na construción dunha beirarrúa na subida cara a Santa Cristina.

A dotación desta beirarrúa facíase necesaria, tal e como sinalou o alcalde de Baiona, porque se trata dunha estrada que comunica un barrio moi poboado de Baiona e o núcleo de Borreiros, en Gondomar, coa parroquia de Santa Cristina, e que ata o de agora carecía de beirarrúas, co conseguinte perigo para os peóns que circulan por ela.

As obras requiriron o recuado de muros, que permitiu crear unha beirarrúa de 1,80 metros, así como ampliar os carrís circulación e dotar a estrada de novo pavimento ata o entronque con Julián Valverde.

Vázquez Almuíña indicou que se trata de “dúas obras importantísimas” que permiten “mellorar a accesibilidade para todas as persoas de Sabarís e para os visitantes”, xa que as dúas rúas conforman unha continuidade que dá acceso a un núcleo “que leva á praia de Landeira, ó cámping e que é unha zona moi visitada durante todo o ano”.

Restauración da Virxe da Rocha

Louzán e Vázquez Almuíña tamén se achegaron ata o monumento á Virxe da Rocha, para comprobar a marcha dos traballos de restauración, nos que se están a investir 60.000 €, dos cales a Deputación achega 40.000 € e o concello 20.000 €.

Estas obras fixéronse necesarias despois de detectar problemas graves de gretas que poñían en perigo a conservación do monumento, polo que a Deputación e o Concello decidiron colaborar para a súa restauración e para evitar que se siga a deteriorar un monumento de gran valor e que é único en Galicia.

As obras estarán rematadas nunhas dúas semanas e permitirán que a Virxe da Rocha, elaborada por Antonio Palacios, volva lucir en todo o seu esplendor.

3 de xullo de 2014 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.