O prazo de presentación de solicitudes das subvencións ás asociacións veciñais remata o 30 de xullo
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 10 de xullo de 2014 publica as bases das subvencións ás asociacións de veciños deste exercicio 2014. A partida total para estas axudas ascende a 64.800 euros. O prazo de presentación das solicitudes ábrese este venres, 11 de xullo, e permanecerá aberto ata o mércores 30 de xullo. Estas subvencións están destinadas na súa práctica totalidade a financiar actividades realizadas polas asociacións, reservándose un máximo dun 20% para gastos xerais de funcionamento. No exercicio anterior, 43 entidades veciñais pediron estas axudas, e completaron a fase de xustificación 42 delas. Ao igual que en 2013, o máximo será de 1.900 euros.
Lembráselle ás asociacións que, en todo caso, o persoal de xestión do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche e o persoal de animación dos centros socioculturais poderá asesoralas en canto á documentación a presentar, como se fixo xa o ano pasado.
Ademais disto, tamén é importante que, con carácter xeral, o pago dos gastos sexa mediante transferencia bancaria ou cheque acompañado do documento que xustifique o abono, se ben excepcionalmente se permitirá o pago en efectivo de facturas de ata 400 euros (IVE incluído) se na factura consta a maiores de “cobrado” ou “pagado”, a data de cobro e o selo da empresa ou sinatura; todo con fin de facilitar a xustificación dos gastos realizado.











