O Porto de Vigo recibe a visita dunha vintena de universitarios chineses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorLocal PortadaVigo
A-
A+
Visita de universitarios chineses ao Porto de Vigo

Visita de universitarios chineses ao Porto de Vigo

O Porto de Vigo recibiu esta mañá a visita dunha vintena de universitarios chineses, procedentes da Beijing International Studies University como resultado dun convenio de colaboración entre esta universidade e a Escola de Negocios Afundación e o centro de idiomas Synergy Didactic.

A delegación, que foi recibida polo Presidente da Autoridade Portuaria viguesa, Ignacio López-Chaves, puido coñecer durante a súa visita á dársena viguesa as infraestruturas máis destacadas do principal motor económico de Vigo e a súa área de influencia.

Así, os estudantes visitaron o Porto Pesqueiro de Vigo, líder mundial en tráfico de pesca para consumo humano, onde presenciaron a poxa diaria de peixe e as diversas instalacións que fan da dársena do Berbés un exemplo a seguir para outros países.

Relacións comerciais

O Porto de Vigo mantén actualmente unhas notables relacións comerciais con China. De feito, durante 2013, o tráfico de mercadorías entre os portos de Vigo e China ascendeu a preto de 142.000 toneladas, das que ao redor de 100.000 toneladas foron desembarcadas na dársena viguesa e outras 40.000 toneladas exportadas aos portos chineses, destacando, especialmente tráficos como o da pesca conxelada, manufacturas de metais ou maquinaria. O valor destes intercambios comerciais superou a cifra de 430 millóns de euros.

A esta fluída relación comercial hai que sumarlle as recentes visitas recibidas ao Porto Pesqueiro, como a protagonizada por unha delegación do Porto de Xangai ou a recibida o pasado mes de xuño por unha delegación da Universidade de Estudos Internacionais de Beijing (BISU), composta polo vicerreitor e dúas das súas decanas, ao que hai que sumar a presenza do Porto de Vigo na feira Transport Logistics, que tivo lugar o pasado mes de xuño precisamente en Xangai.

Que supón o convenio

O convenio, cun horizonte de cinco anos, ofrece aos estudantes chineses a oportunidade de profundar no seu coñecemento da cultura e lingua española no centro de idiomas Synergy Didactic, que conta coa acreditación oficial de Centro Examinador do Instituto Cervantes e realizar formación de grao e posgrao na Escola de Negocios Afundación.

O curso de verán que se iniciou este mes de xullo consta dun intenso programa de español, reforzado cunha ampla gama de actividades turístico-culturais en Vigo, resto de Galicia e Norte de Portugal. A súa formación compleméntase na Escola de Negocios Afundación coa Visita ao Porto de Vigo, un encontro co Director Xeral de CITIC ESPAÑA (Citic é un dos maiores holdings de investimento do xigante asiático), unha visita cultural de Afundación e un taller de traballo liderado e traballo en equipo.

A Beijing International Studies University (BISU) é unha das universidades máis prestixiosas de China. Moitos dos seus ex graduados ocuparon e ocupan na actualidade relevantes postos en diferentes Ministerios do Goberno e é unha universidade particularmente vinculada ao Ministerio de Turismo, aspecto relevante para situar a Vigo no mapa mundial, dado o crecente interese do xigante asiático cara a España como destino vacacional.

O principal criterio na selección das súas partners académicos vigueses foi a calidade e prestixio da Escola de Negocios Afundación e do centro Synergy Didactic, xunto co innovador programa ELE+BUSINESS, deseñado á medida das necesidades do estudante chinés e cun enfoque plenamente intercultural.

Cada ano 400.000 estudantes chineses fórmanse no estranxeiro. Aínda que os seus destinos prioritarios son países sajones, o gran peso do español en Estados Unidos e a súa utilidade para acceder a mercados latinoamericanos fixeron que Vigo se abra paso entre os seus destinos tradicionais   a nivel internacional (Méjico, Venezuela, ou Perú) e nacional (Madrid e Barcelona).

30 de xullo de 2014 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.