O pleno de Oroso aproba investir 108.000 euros nas beirarrúas, rede de alumeado público e recollida de pluviais nas rúas Portiño e Cega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O pleno do Concello de Oroso aprobou esta mañá por unanimidade un cambio na relación de proxectos presentados ao amparo do programa DTC93 da Deputación da Coruña. Así, o Concello de Oroso investirá 108.384 euros ao proxecto de reparación de beirarrúas, da rede de alumeado público e da recollida de augas pluviais nas rúas Portiño e Cega, no núcleo de Sigüeiro.

“O proxecto, que ten un prazo de execución de 5 meses, inclúe o rebaixado dun tramo de 336 metros de beirarrúas na rúa do Portiño para que todas queden á mesma altura e sexa máis accesible a todos os veciños e veciñas da zona”, explica o alcalde de Oroso, Manuel Mirás. Unha actuación que terá lugar na marxe dereita da rúa do Portiño (sentido Trazo) e que inclúe a colocación de 9 novos puntos de luz na rede de alumeado público, que serán de tecnoloxía LED. Finalmente, o proxecto inclúe a renovación da recollida de pluviais na zona e a pavimentación en aglomerado da rúa Cega.

Substitución do proxecto

Este proxecto substitúe ao orixinalmente previsto (“Reparación de beirarrúas e rede de evacuación de augas pluviais na rúa Río Lengüelle”), que non foi aceptado pola Deputación provincial pola ausencia dunha autorización sectorial de Patrimonio, xa que a rúa está afectada polo Camiño Inglés. A autorización de Patrimonio chegou e foi remitida á Deputación, que a rexeitou argumentando que este ano non se permitía adxuntar documentación en dous prazos.

Este feito motivou a crítica do PP, cuxo voceiro Xosé Manuel Balado lamentou a “falta de previsión do Goberno municipal” e, aínda que defendeu as obras na rúa do Portiño, propuxo “facer un proxecto para incluír o financiamento do comedor do novo colexio no DTC93”. Manuel Mirás asegurou que “non é falta de previsión, e polas trapalladas dos Gobernos do PP, que andan cambiando as cousas e incluso sorprenden aos propios funcionarios da Deputación”.

Un punto no que incidiu o concelleiro de Ensino e deputado provincial, Antonio Leira, quen explicou que “é a primeira vez que ocorre algo semellante, pois cando enviamos o proxecto xa tiñamos a palabra de Patrimonio de que o informe sería a favor. Que a Deputación non aceptase que se adxunte nova documentación foi unha sorpresa é para todos, incluso para Concellos gobernados polo PP como o da Coruña, ao que lle botaron abaixo varios proxectos por isto mesmo”.

Finalmente, Manuel Mirás lamentou a proposta realizada polo PP de Oroso cando “saben perfectamente que o comedor non se pode meter no DTC93 da Deputación”. O alcalde explicoulle aos concelleiros populares que “Rajoy fixo unha lei pola que toda competencia que se transfira ten que vir co 100% da súa financiación e a Xunta está a ofrecer tan só 1 euro por comensal”. Por iso, instou aos populares a cumprir as leis que eles mesmos promulgan.

O voceiro popular replicou que “hai competencias que se asumen unhas veces e outras que non”, criticando que se limpara de maleza unha zona da N-550 e non se asuma a financiación do comedor escolar. O concelleiro de Ensino, Antonio Leira, sinalou que “poden ter seguro que dende o Concello de Oroso non imos deixar de estar do lado dos pais. Por certo, botámolo de menos na manifestación convocada pola asociación de pais”. Ademais, considerou que o exemplo ofrecido por Xosé Manuel Balado non se sostén de ningún xeito, pois non pode compararse economicamente a asunción dunha actuación puntual dun día coa asunción dun servizo permanente e durante as próximas décadas.

9 de xullo de 2014 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.