O pleno de Carballo aborda a licitación da explotación de doce postos de venda ao público e once almacéns do Mercado Municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A corporación carballesa celebra o luns 28 de xullo unha sesión plenaria ordinaria no que entre os asuntos da orde do día se inclúe a aprobación do Contrato administrativo especial para as “Concesións administrativas dos postos situados no Mercado Municipal de Carballo”. Así, o acordo suporía a licitación, mediante concurso aberto, da explotación de doce postos destinados á venda ó público de produtos de consumo, seis almacéns (con cámaras de frío) para postos destinados á actividade de carnicería e cinco almacéns para outros postos ou locais arrendados. Entre os criterios de adxudicación, o que máis pesaría sería a oferta económica, con ata 90 puntos, e en segundo lugar, con ata 10 puntos, teríase en conta o proxecto de explotación da actividade económica a desenvolver no posto de venda que se licita. O prazo da concesión será o ofertado polo adxudicatario, non podendo exceder do prazo de vinte anos, sen posibilidade de prórroga, para os doce postos destinados á venda ó público. O prazo da concesión para os once almacéns para outros postos será o mesmo que o da concesión do posto de venda ao que sexa vinculado.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, explicou durante a rolda de prensa, na que estivo acompañado pola Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, que a licitación responde ao interese amosado por varias persoas en acceder á explotación dos postos do Mercado. Outro dos asuntos relevantes incluídos na orde do día refírese á aprobación das tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo, taxi, para servizos no termo municipal de Carballo. Ferrero explica que a Xunta obriga a que todo o transporte público en Galicia teña tarifas autorizadas polas administracións locais e a que todos os taxis teñan taxímetro co fin de regularizar a actividade do sector. A proposta de tarifas para o servizo público de taxis que se debate no pleno responde á proposta presentada pola Asociación Provincial de Autotaxis, e que se concreta nas seguintes contías (todas con IVE incluído): en días laborables de 06.00 a 22.00 horas a percepción mínima é de 4 €, cobrarase 1 € por quilómetro percorrido e a hora de espera custará 15 €; a tarifa nocturna (de 22.00 a 6.00 horas) e a dos festivos mantén as mesmas contías, que son de 5 € de percepción mínima, 1,30 € por quilómetro percorrido e 18 € por hora de espera. En todos os caso gravarase con 0,50 € a ocupación por cada volume do maleteiro, coa excepción de cadeiras de rodas para discapacitados/as e cans lazarillos.

Entre os asuntos de trámite, hai que mencionar a resolución de alegacións e a aprobación definitiva da Ordenanza Municipal reguladora da protección dos camiños e vías públicas municipais en relación coas operacións forestais e similares. A Confederación Galega de Empresarios da Madeira presentou unha alegación a esta normativa, aducindo, ao igual que noutros concellos de Galicia, incompetencia do Concello para ditar a ordenanza. Porén, os servizos técnicos municipais aconsellan a desestimación da alegación xa que o Concello si ten competencias para a protección e ocupación de camiños para a tala, ámbito no que se circunscribe esta normativa. A sesión tamén inclúe a ratificación do Decreto da Alcaldía sobre a petición á Xunta da aclaración do informe necesario que permita que o Concello manteña a actividade do Conservatorio Profesional de Música e aprobe a Ordenanza fiscal nº 18 reguladora das taxas do Conservatorio Profesional de Música de Carballo para o curso 2014-2015, aprobada provisionalmente na sesión plenaria do 26 de maio deste ano e na que se recollen os novos prezos das taxas para o próximo curso.

Festivos locais para 2015: 24 e 25 de xuño

O pleno abordará tamén a sinalización de dous días de festa, de carácter retribuído e non recuperable, no termo municipal de Carballo para 2015. Proponse que sexan o 24 e 25 de xuño como días grandes das Festas de San Xoán que cadran en mércores e xoves, respectivamente. Ademais, despois da súa aprobación inicial no pleno de maio, e ao non terse presentado alegacións durante o período de exposición pública, lévanse ante o pleno para a súa aprobación definitiva as contas xerais de 2013 do Concello de Carballo e do xa extinto Padroado Deportivo Municipal. Por último, no apartado de Seguimento de órganos de Goberno, inclúese a dación de conta do Informe de Intervención e Tesourería do cumprimento da Lei 15/2010 de medidas contra a morosidade relativo ao segundo trimestre de 2014. Segundo os datos presentados polos técnicos municipais, entre o 1 de abril e o 30 de xuño de 2014 pagáronse dentro de prazo 1.218 facturas por un importe de 1.786.716,59 euros; mentres que se abonaron dous fóra de prazo por un importe de 346 euros. A final de trimestre, quedaron pendentes de pago catro facturas por 4.164 euros e fóra do período legal contabilizáronse tres céntimos de euro.

24 de xullo de 2014 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.