O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobará o servizo de recollida e tratamento de residuos
O Pleno da Deputación aprobará o vindeiro venres o expediente para a xestión, por parte da institución provincial e con carácter supramunicipal, do servizo de recollida e tratamento de residuos domésticos e asimilables, e dos puntos limpos nos concellos da provincia. Nesta sesión formalizarase tamén o acordo entre a Deputación e o Concello de Pontevedra para a construción dunha planta de compostaxe no municipio pontevedrés.
A aprobación do expediente para xestionar do servizo de recollida e tratamento de residuos, implicará aprobar tamén o convenio marco que a Deputación subscribirá con 21 concellos de poboación inferior ós 50.000 habitantes, así como o anteproxecto de explotación e o estudo de viabilidade do contrato de xestión destes servizos públicos.
Implicará tamén aprobar o regulamento do servizo e a súa contratación, baixo a modalidade de concesión. A contratación será por procedemento aberto e cun prezo unitario de 159 euros por tonelada, segundo as tarifas establecidas.
Na sesión plenaria ratificarase tamén o acordo entre a Deputación e o Concello para construír unha planta de compostaxe en Pontevedra que permita tratar unhas 15.000 toneladas de materia orgánica e restos vexetais.
O Concello encargarase de buscar os terreos para a instalación desta planta e de poñelos á disposición da Deputación, que, pola súa banda, elaborará un estudo previo de viabilidade para determinar, entre outras cousas, a tecnoloxía máis apropiada para a planta, a capacidade idónea de tratamento, a man de obra necesaria, as condicións de localización e ambientais; ademais realizará unha análise de gastos e ingresos.
En paralelo a este estudo, a Deputación sacará a concurso a contratación de 1.500 composteiros para distribuír entre os cidadáns.
A planta de compostaxe procesará unha parte importante dos residuos da provincia, co que se eliminarán os gastos de transporte e se mellorarán as condicións ambientais.











