O piloto da lancha que arroiou mortalmente a un bañista en Vigo é imputado por homicidio imprudente
A Garda Civil imputou por homicidio imprudente ao piloto da lancha que este mércores, a última hora da tarde, arroiou a un bañista na zona de Punta Lagoa, na parroquia viguesa de Teis, segundo confirmaron fontes do Instituto Armado.
Os feitos ocorreron sobre as 20.30 horas, cando unha lancha, na que ían dous tripulantes, arroiou a un veciño da zona, que se estaba bañando a uns metros da costa. Varias testemuñas relataron que tanto a vítima como outras persoas fixeron acenos aos dous pescadores que ían na barca, pero estes non se decataron ata que era demasiado tarde.
Até o lugar desprazáronse dúas ambulancias do 061, que nada puideron facer por salvar a vida do bañista. Así mesmo, acudiu unha comisión xudicial para autorizar o levantamento do cadáver e unha dotación do 091.
DECLARACIÓN E PROBAS
Pero, finalmente, foi a Garda Civil a que se fixo cargo da investigación, ao ocorrer o suceso no mar. De feito, a Policía Nacional entregou aos axentes da Benemérita os efectos do falecido.
Os dous tripulantes da lancha, que afirmaron que estaban a probar o motor da embarcación, foron trasladados á Comandancia de Garda Civil en Vigo, onde prestaron declaración. Así mesmo, foron sometidos a probas de alcoholemia e drogas, que deron resultado negativo.
Ambos quedaron en liberdade, e o piloto foi imputado. Os dous quedan á espera de ser requiridos pola autoridade xudicial.











