O persoal da Policía Local de Galicia realiza na Estrada a proba final do curso de prevención de riscos laborais
A sede da Academia Galega de Seguridade Pública, emprazada na Estrada, acolle hoxe a proba final do curso básico de prevención de riscos laborais para o persoal dos corpos da Policía Local de Galicia que organiza o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) en colaboración con esta Academia.
O curso que remata hoxe co exame final forma parte dos programa anuais de actividades para o ano 2014 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) e do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) e ten lugar ao abeiro do Acordo marco de colaboración asinado entre ambas entidades para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación.
Os principais obxectivos desta acción formativa son coñecer os dereitos e obrigas en relación coa seguridade e saúde no traballo, segundo a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, así como os principais riscos laborais a que están expostos os policías, como, por exemplo, riscos de seguridade, hixiénicos e ergonómicos e riscos psicosociais. E, por último, coñecer as principais medidas preventivas que poden adoptar os policías locais para facer fronte aos riscos a que están expostos no seu traballo, en particular en situacións de emerxencias e primeiros auxilios.
A acción formativa, que se desenvolve a través da plataforma de formación en liña da Agasp, e está xestionado e titorizado polo persoal do ISSGA, vai dirixido ao persoal dos corpos das policías locais dos concellos galegos que se encontren en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares.
O contido do curso inclúe desde conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo e sobre riscos xerais e a súa prevención ata coñecemento sobre os elementos xerais de xestión da prevención de riscos e tamén específicos no sector correspondente á actividade de policía local. Outro dos contidos é a prevención de riscos laborais desde a perspectiva de xénero.
Ademais deste curso, a formación en liña do ISSGA complétase con outros tres cursos básicos de prevención de riscos laborais no que se formarán a 450 persoas. Dous deles xa se realizaron e contaron coa participación de 300 persoas. Tamén xa se realizou un curso básico de prevención de riscos laborais en actividades de temo libre, en colaboración coa Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, dirixido a toda a mocidade galega e aos profesionais da información xuvenil e do eido do tempo libre e voluntariado, no que tomaron parte 40 persoas.
Formación presencial
Esta formación en liña, que facilita o acceso á formación das persoas con dificultades para acudir ás aulas por diversos motivos, compleméntase cos cursos presenciais e as distintas xornadas técnicas. De feito, para este ano 2014 está prevista a realización de 12 cursos básicos de prevención de riscos laborais presenciais e 22 xornadas técnicas, que se celebrarán nos catro centros provinciais do ISSGA.
A oferta formativa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), que se desenvolve, desta maneira, tanto presencialmente nos seus centros provinciais, como en liña e a través da aula virtual, ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia dando cumprimento ao Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011–2014.
A formación, xunto coa información, promoción e asesoramento en materia de seguridade laboral, constitúe unhas das ferramentas máis axeitadas para promover unha auténtica cultura preventiva no conxunto da sociedade.











