O Pazo de Faramello xa conta coa primeira árbore do Xardín do Recordo en memoria das vítimas de Angrois

Plantación da primeira árbore
O grupo de investigación da Escola Galega de Paisaxe da Fundación Juana de Veiga, en colaboración co Pazo de Faramello, deseñou un proxecto paisaxístico que, baixo o nome de Xardín do Recordo, fará unha homenaxe á memoria das vítimas do accidente de Angrois, ocorrido o 24 de xullo de 2013.
O proxecto paisaxístico sitúase nunha parcela de 7.200 metros cadrados cedida polo propietario do pazo, Gonzalo Rivero de Aguilar, para o seu uso e apertura ao público, nunha zona pola que transcorre o Camiño Portugués.
Este xoves o Pazo de Faramello acolleu o acto de presentación do xardín, así como a plantación da primeira árbore. No evento estiveron presentes o propietario do pazo, así como representantes da Xunta e da Fundación Juana de Veiga.
Foi a nai dunha das vítimas falecidas na traxedia, Laura Naveiras Ferreiros, a que colaborou na plantación da primeira árbore do xardín, que contará tamén cunha placa co nome da xoven.
O deseño do xardín consiste nun percorrido no que se plantará unha árbore en representación de cada unha das vítimas mortais, onde figurará tamén unha placa cos seus nomes.
A elección da árbore, da especie coñecida como ‘árbore do amor’, responde ao seu “contido simbólico” e a “a súa estrutura, con follas en forma de corazón”, indican os responsables do proxecto. Ademais do paseo de arboleda, o espazo incluirá unha área de acollida para reunión de grupos de visitantes ou familias, recuberto de hortensias e azaleas.