O Pazo da Marquesa inaugúrase como novo Concello de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaSan Sadurniño
A-
A+
Diego Calvo na inauguración do Pazo da Marquesa

Diego Calvo na inauguración do Pazo da Marquesa

O presidente da Deputación da Coruña acudiu hoxe á inauguración oficial do Pazo da Marquesa coma nova Casa do Concello de San Sadurniño. Un proxecto nun “edificio único” que en palabras do propio Diego Calvo foi posible grazas “á colaboración entre administracións”.

Dende a Deputación da Coruña investíronse preto de 400.000 euros na reforma deste inmoble e do seu contorno a través de distintos proxectos nos últimos anos. Ata 200.000 euros se achegaron para as obras de renovación do pazo e 110.000 euros para o equipamento interior.

Ademais, recentemente se asinou un convenio por importe de 85.000 euros para adecuar tamén o edificio anexo como escola infantil, que inclúe o acondicionamento de parte dos xardíns do pazo como espazo de ocio para os cativos.    

“Síntome orgulloso de poder colaborar coa rehabilitación dun edificio emblemático do noso Concello”, declarou o titular provincial, que durante a súa intervención lembrou a súa infancia como alumno do colexio que se localizaba neste recinto. “Todos xogamos nos xardíns deste inmoble, que representa ao noso pobo mellor que ningún outro”. 

Pola súa banda o alcalde do municipio, Secundino García Casal, agradeceu a contribución da Deputación a este proxecto, que buscaba recuperar un edificio patrimonial e emblemático para San Sadurniño. “O seu valor simbólico agora increméntase ao converterse na Casa do Pobo”, resaltou Diego Calvo.

O Pazo da Marquesa de San Sadurniño é un edificio aristócrata que pertenceu durante décadas á Igrexa e serviu de escola para o seu arredor. No ano 2007 recupérase a titularidade pública e dende o 23 de xuño deste ano está xa funcionando como Casa do Concello, que hoxe se inauguraba formalmente.

2 de xullo de 2014 | 20:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.