O novo servizo de notificacións e embargos de Vigo estará listo antes de que remate o ano
O vicepresidente, Alfonso Rueda, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitaron esta mañá no Casco Vello de Vigo as obras da nova sede para o Servizo común de Notificacións e Embargos da cidade olívica.
Durante a visita, Rueda destacou o “bo ritmo” co que avanzan os traballos e asegurou que a Xunta cumprirá co seu compromiso de ter rematado o inmoble antes de que remate o ano. Ademais, lembrou que se trata dun edificio que, entre a compra do solar e a construción, supón un investimento de case un millón e medio de euros para o Goberno galego.
Sen embargo, incidiu en que a paseares de que se trata dun investimento e dun avance salientable -xa que axudará a desconxestionar o saturado edificio xudicial- “non é suficiente” e por iso apelou á colaboración do Concello para poder levar a cabo a construción dun novo edificio de xulgados, tal e como se está facendo noutras cidades de Galicia.
Rueda explicou que para facer esta infraestrutura tan necesaria, especialmente no caso de Vigo, é preciso que o concello cumpra os seus compromisos e ceda os terreos, como xa teñen feito cidades como Santiago ou Ourense, onde os seus modernos edificios xudiciais son xa unha realidade ou está a piques de selo grazas á colaboración entre Xunta e Concellos.
Balance positivo do primeiro lustro
Antes de facer a visita á nova sede do Servizo de Notificacións e Embargos, no casco Vello, o vicepresidente aproveitou a súa visita a Vigo para reunirse coa delegada e os xefes territoriais da Delegación para facer balance do novo modelo periférico da Xunta cando se cumpren cinco anos da súa posta en marcha.
Rueda manifestou que, pese ás críticas iniciais, un lustro despois o novo modelo está plenamente consolidado, tal e o avalan os datos e os obxectivos cumpridos. Ademais, destacou que o feito de converter a Vigo nunha das cinco delegacións territoriais do Goberno galego demostra a aposta clara da Xunta por esta cidade, a primeira de Galicia.
Segundo explicou Rueda, este sistema ten permitido unha mellor atención ao cidadán, máis próxima e directa, cun interlocutor único na figura da delegada territorial, e todo elo gañando en eficiencia. Así o reflicten os datos, como a redución dun 23 por cento nos tempos de tramitación administrativa respecto a hai 5 anos.
Ademais de ser máis eficientes, a día de hoxe as delegacións territoriais tamén ofrecen un mellor servizo aos galegos cun menor gasto do que tiñan antes. Boa mostra diso, son os preto de 5 millóns de euros de aforro acado na Delegación Territorial de Vigo, entre redución de altos cargos, coches oficiais, alugueiros e o plan de aforro enerxético.











