O mundo próximo de Víctor García Novás exhíbese na galería da Casa do Concello
25 cadros compoñen a mostra que este mércores abriu no primeiro andar da Casa do Concello. Son obra de Víctor García Novás, un pintor ferrolán que nutre o seu imaxinario artístico do que ten ao seu redor: Ferrol, a crise dos estaleiros, a globalización, o sentimento… Estampas de cores vivas que semellan ensoñacións apoiadas na súa maioría nos versos de Juan Carlos Valle “Carlotti”. A exposición, que se pode visitar ata mediados de agosto, é a segunda que acolle a galería da sede consistorial desde que abrise hai un mes. Un espazo que reúne boas condicións tanto para exposicións como para pequenos actos e ao que desde o Concello se lle quere dar un uso continuado como recinto cultural.
Víctor García destacou durante a montaxe da súa exposición as características da galería. “Paréceme estupenda, marabillosa. Dá unha luminosidade espléndida”, dixo o pintor ferrolán que desde hoxe ofrece unha mostra da súa visión sobre o mundo que ten máis próximo, representada en 25 óleos sobre táboa. “Os meus cadros queren estar moi en contacto coa realidade, son como historias e cada un garda unha reflexión”, explica o autor que asina as súas obras como “Novás”.
Asegura García que cando pinta non pode desprenderse das súas vivencias persoais e de aí que a obra sexa representativa en certa medida da sociedade actual aínda que “cun formato un tanto onírico”. A globalización e o escaparate que nos atrae dela represéntase cunha serea e un desastre de fondo, aparecen na obra cans que queren transmitir miseria, mentres que unha maternidade nos suxire a beleza e o amor.
Os cadros non veñen explicados, cadaquén debe tirar as súas propias conclusións. Porén, ao carón de 18 das obras expostas os visitantes poderán ler versos de Juan Carlos Valle “Carlotti” que complementan de forma poética ese mundo próximo condensado por Novás.
A exposición estivo programada inicialmente para a Casa da Cultura. De feito, así se comunicou a través do boletín oficial Novas, que edita o Concello cada mes e medio. Porén a semana pasada decidiuse cambiar o emprazamento polo da galería da nova sede consistorial. É máis, a partir de agora este será o lugar elixido -sempre que sexa posible- para as mostras artísticas. As razóns son a maior dispoñibilidade de espazo, unha disposición máis axeitada para cando se expoñan series de obras. Ademais, a galería tamén garante un fluxo constante de público e, polo tanto, que a arte chegue realmente ao público para o que foi creada.











