O Mercado Local Xusto de San Sadurniño reordena o seu espazo para adaptarse ás obras no Convento do Rosario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Esta semana iniciáronse os traballos de restauración da cuberta do conxunto arquitectónico formado pola igrexa de Santa María a Maior e o antigo convento dominico do Rosario. Os traballos van encamiñados a substituír a cuberta, eliminar humidades e preparar tanto o chan do claustro como o xardín interior. As obras prolongaranse durante todo o verán e afectaranlle a parte do adro e da fachada traseira do edificio durante este tempo. Por esta razón e de cara ao Mercado Local Xusto do último domingo deste mes, o Concello cambiará a situación dos postos de alimentación e pranta, que se disporán nas beirarrúas da avenida Marqués de Figueroa. O prazo para solicitar espazo no mercado aínda está aberto.

O proxecto presentado a Patrimonio describe as operacións que se van desenvolver e que, a grandes trazos, consistirán na retirada da cuberta de tella e da estrutura de madeira máis danada. Estes elementos substituiranse por outros novos reaproveitando rastreis, correas e tirantes ata onde sexa posible. Ademais tamén se cambiarán as baixantes da auga e farase un selado de chumbo nas xuntas das catro alas do tellado. 

O obxectivo é eliminar as humidades que nos últimos anos causaron estragos nunha edificación de grande valor histórico e que noutro tempo foi convento da Orde dos Dominicos. Por iso tamén se prevé facer unha drenaxe que evite as filtracións aos muros, o que obrigará a levantar o chan en parte do perímetro da igrexa e da sacristía. Os traballos alcanzarán o interior do claustro, onde o proxecto reflicte a renovación do empedrado con lousóns de granito e o acondicionamento do xardín interior, onde a Igrexa prevé colocar en breve o Sagrado Corazón de Xesús trasladado hai uns meses desde os xardíns do Pazo.

Cambios no Mercado Local Xusto do 27 de xullo

As obras iniciadas esta semana levaron ao departamento de Cultura e Participación veciñal a reordenar o espazo do Mercado Local Xusto buscándolle un novo sitio aos postos de alimentación e horta, así como aos de árbores e pranta ornamental. Tras barallar outras posibilidades, o Concello decantouse por pasar os expositores ás beirarrúas da avenida Marqués de Figueroa, de maneira que os postos se estenderán ao pé da estrada no tramo comprendido entre a Casa da Cultura e o CPI. O resto de postos, os de artesanía e segunda man, quedan coma sempre: na praza, fronte ao centro de saúde e no aparcadoiro do cemiterio.

O prazo para inscribirse neste segundo mercado local do verán está aberto ata as 14 horas do día 22. Os xeitos de formalizar a solicitude son varios: presentando a folla cuberta no rexistro municipal, enviándoa ao Concello por correo -Lugar do Casal nº 16, 15560, San Sadurniño- ou por medio da conta de correo electrónico agustin.perez@sansadurnino.dicoruna.es. Neste mesmo enderezo pode obterse máis información, ademais dos teléfonos 616 332 919 e 981 490 027.

10 de xullo de 2014 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.