O mellor Joe Orton estará no Teatro Colón da Coruña
O venres 18 chega ao Teatro Colón a obra Lo que vio el mayordomo, a máis ortonesca de todas as propostas do malogrado Joe Orton, mestre da comedia negra de recoñecida fama polas súas irreverentes e macabras propostas. Haberá un total de tres funcións para que o público coruñés poida gozar co xenio británico: o venres 18 ás 20.30 horas e o sábado 19 ás 20.00 e ás 22.30 horas. Estas funcións están patrocinadas por Superbock Negra Sin.
Metrópolis Teatro leva a escena Lo que vio el mayordomo baixo a dirección de Joe O’Curneen e a partir dunha versión do texto de Julio Escalada e Tomás Gayo. Pep Munné, Lola Marceli, Paco Churruca, Mundo Prieto, Carmen Barrantes e Raúl Mérida dan vida aos personaxes de Orton. A acción ten lugar na clínica dun psiquiatra que entrevista a unha moza para un posto de secretaria, o médico acaba por interesarse por algo máis que as capacidades laborais da moza e pretende sometela a unha extravagantes probas físicas. Cando xa comezou o disparatado test entra de súpeto na consulta a señora Prentice que ven de pasar a fin de semana cun colectivo de lesbianas. Este ton disparatado co que comeza a obra mantense durante as dúas horas de función, nas que os seis personaxes nos conducen a unha escalada de absurdas situacións, non exentas de crítica social, motivadas polo infalible recurso cómico do quid pro quo.
Co obxectivo de anticipar a venda das entradas o Teatro Colón puxo en marcha unha promoción para esta obra de teatro. Os espectadores que merquen dúas entradas para a función do venres 18 ás 20.30 horas antes do mércores 16 recibirán de balde un pack de Superbock Negra Sin. O pack entregarase no teatro o propio día da función unha vez se verifique que as entradas foron adquiridas antes da data estipulada.
Teatro afeccionado e festival de folclore
A programación semanal completase coa obra Los Caciques, última función do Festival de Teatro Afeccionado Candilejas Don Bosco, o martes 15 ás 20.30 horas e co Festival Internacional de Folclore o domingo 20 ás 20.00 horas.
O Grupo de Teatro Artesán de Sada é o encargado de pechar esta edición do Festival de Teatro Afeccionado Candilejas Don Bosco que comezou o martes 1 de xullo e contou coa participación de cinco grupos de teatro amador. Con este festival quixemos render unha homenaxe a un certame que é toda unha referencia dentro do teatro non profesional e que leva dende 1998 dotando de ferramentas a aqueles grupos que están fóra dos circuítos tradicionais.
O domingo 20 pechamos a programación de xullo co Festival Internacional de Folclore no que participan cinco grupos procedentes de Costa Rica, Chile, Eslovaquia, Euskadi e Galicia. Organizado polo Padroado de Cultura do Concello de Narón este festival trata de amosar distintas culturas e tradicións folclóricas, tanto do estado español coma de fóra. Con esta función pechamos a programación de xullo ata o vindeiro venres 8 de agosto no que volverá a actividade ao escenario do Colón con Resofocos –a continuación do éxito Sofocos-. A programación de agosto complétase coa proposta de Bertín Osborne e Paco Arévalo El renovado show de dos caras duras en crisis e coa obra de teatro Enfrentados, que ten a Arturo Fernández como protagonista.
A programación de verán do Teatro Colón está patrocinada por Superbock Negra Sin. As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural Novacaixagalicia, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. Os espectadores poden adquirir tamén nos despachos de billetes do Teatro Colón, a Tarxeta Teatro Colón, un programa de abonados con innumerables vantaxes como descontos nunha trintena de locais comerciais da Zona Obelisco ou no hotel NH Atlántico.











