O Martes de Entroido e San Martiño repetirán como festivos locais en Ourense
O Martes de Entroido e o día de San Martiño volverán ser o vindeiro ano 2015 os días festivos locais na cidade de Ourense. A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa xuntanza densa mañá este acordo, co que declara como días festivos para o ano 2015, con carácter retribuído e non recuperables, o 17 de febreiro (Martes de Entroido) e o 11 de novembro, San Martiño. O acordo será remitido á Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar Social da Xunta de Galicia, para a elaboración do calendario laboral para o ano 2015, no que cada Concello ten a posibilidade de incluír dúas festas locais. No caso de Ourense, óptase por estas datas polo arraigamento e a importancia que na cidade de Ourense teñen tanto a festa do Entroido como a do patrón San Martiño.
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno, tamén a proposta da Concellería de Cultura, acordou aprobar o convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e o de Redondela para a organización da XXXII edición do Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor.
O certame que homenaxea ao escritor ourensán ten a súa orixe no ano 1981, e finánciase a través das achegas dos concellos que a el se adhiren, celebrándose cada ano nun municipio diferente. Este ano, é o de Redondela, que solicita, e recibe, a colaboración do Concello a través deste convenio, que inclúe a achega de 360 euros. O certame premia unha novela longa en lingua galega. O ano pasado foi organizado por o Concello de Ferrol, resultando gañador Jorge Llorca Freire, coa obra “A lengua escarlata do Papagaio Azul”.
Reintegro de 130.000 euros
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local acordou tamén reintegrar a cantidade de 65.000 euros a cada unha das dúas persoas que o día 20 de setembro de 2010 atoparan na porta do seu domicilio unha caixa que contiña 130.000 euros, unha vez que transcurriron máis de dous anos do achado sen que ninguén o reclamase.











