O martes de Entroido e o Día dos Milagres serán os festivos locais da Laracha no ano 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Pleno da Corporación municipal da Laracha reuniuse hoxe na sesión ordinaria correspondente ao mes de xullo na que un dos principais acordos foi fixar o martes de Entroido (17 de febreiro) e o Día dos Milagres de Caión (8 de setembro) como os festivos locais para o ano 2015, tal e como é habitual no Concello da Laracha.

O martes de Entroido é unha data de especial relevancia e tradición no noso municipio, na que o Concello da Laracha organiza e desenvolve programas de actividades dirixidos a todos os públicos e que cada ano contan coa participación de centos de persoas.

O 8 de setembro (martes) é un dos días grandes do Concello por ser a data de celebración popular máis importante e concorrida do ano, como é a Romaría dos Milagres de Caión, festa que conta co recoñecemento de Interese Turístico de Galicia.

Na sesión plenaria tamén foi aprobada a autorización da cesión do contrato administrativo de xestión do servizo público de axuda no fogar, tal e como foi solicitado pola anterior concesionaria, Centro Clínico Ribadeo, S.L, tras achegar o citado contrato á empresa Idade de Ouro Servizos Sociosanitarios, S.L., que pasará a encargarse da xestión. Trátase dun mero trámite administrativo que non variará nin as condicións da prestación do servizo aos usuarios nin os termos da concesión.

A Conta Xeral do exercicio económico 2013, foi aprobada (cos votos en contra do grupo dos nacionalistas) tras superarse o prazo de exposición pública sen recibir ningunha alegación ou suxestión. A continuación, o documento será remitido en prazo (remata o 11 de outubro) ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, salientou como magnitudes máis importantes que houbo un incremento con respecto ao orzamento inicial (o presuposto era de 6.627.963,56 euros e o aumento foi próximo ao dez por cento alcanzado ao peche do exercicio os 7.213.039,39 euros) e o remanente de tesourería (163.400 euros). Ademais, lembrou que en 2013 o Concello da Laracha destinou 1.082.000 euros a investimentos reais en infraestruturas e uns 650.000 á prestación de servizos sociais.

Outra cuestión que tamén indica a boa situación económico-financeira do Concello da Laracha é que o informe de tesourería e intervención do segundo trimestre do ano en curso do que se dou conta á Corporación, indica que a media para o pagamento das facturas a provedores durante ese período foi de 7,98 días e que a totalidade delas abonouse cumprindo co prazo fixado pola Lei de Contratos

Salientar, por último, a aprobación de tres mocións referidas á proposta de que sexa elixido alcalde directamente o cabeza da lista máis votada nas eleccións locais, a supresión temporal do pagamento do tramo da autoestrada AG-55 afectado polas obras de construción da vía de acceso ao porto exterior de Punta Langosteira e a condena a todos os actos de violencia que se están a producir en Gaza.

A concelleira do grupo do Partido Popular Rocío López escusou a súa ausencia na sesión plenaria celebrada hoxe, á que tampouco asistiron os dous concelleiros do grupo do PSOE.

30 de xullo de 2014 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.