O II Clínic “Desmontando ao adestrador axudante” ofrece servizo de autobús gratuíto
O Rio Natura Monbus ampliará o prazo de inscrición do II Clínic “Desmontando ao adestrador axudante” até o martes 15 de xullo. A cita, que terá lugar en Boiro os días 18 e 19 de xullo, pretende reunir a técnicos de toda Galicia e España para debater ao redor da figura do segundo adestrador en baloncesto.
Ademais, o club porá os dous días da cita a disposición dos anotados un autobús gratuíto, que realizará o traxecto Santiago (Multiusos Fontes do Sar) – Boiro (Pavillón da Cachada) e viceversa. O primeiro día, a saída realizarase ás 15.00 horas para que os participantes teñan tempo de recoller a documentación do clínic antes da primeira intervención. Mentres, o segundo día, a hora de partida serán ás 8.30 da mañá, ao ser a xornada máis completa, con conferencias durante todo o día.
Os interesados neste servizo deberán reservar praza mediante o correo electrónico clinic@obradoirocab.com, o mesmo ao que se debe dirixir a inscrición. Toda a información sobre o modo de inscrición e o programa, está dispoñible na páxina web do club (www.obradoirocab.com).
Unha vez máis, a cita contará con invitados de alto nivel que achegarán as súas visións e coñecementos sobre a figura do técnico axudante, desde a perspectiva máis técnica á puramente psicolóxica. Exemplos diso serán as intervencións de Diego Ocampo (Cajasol), Agustí Julbe (ex F.C. Barcelona), Jesús Ramírez (Ratiopharm Ulm) ou Juancho Armental (psicólogo deportivo).











