O II Campus Obradoiro CAB – Barbanza finaliza coas visitas de Gonzalo Rodríguez e Víctor Pérez

Visita ao campus Obradoiro
A segunda edición do Campus Obradoiro CAB – Barbanza prepárase para o seu clausura o sábado, tras unha semana na que nenos de todas as idades gozaron de baloncesto e de actividades complementarias.
Os participantes recibiron durante estes días clases para a súa mellora técnica de adestradores de primeiro nivel da comarca. Ademais, durante o pasado mércores recibiron a visita de Gonzalo Rodríguez, adestrador axudante do Rio Natura Monbus, quen explicou aos nenos en que consistía o seu traballo. Logo, o técnico impartiu unha pequena clase. “Creo que é imprescindible que aprendan o importante que é esforzarse, pero por medio de xogos e exercicios que o fagan atractivo para eles”, explicou Gonzalo.
Víctor Pérez, outro dos adestradores do equipo santiagués, tampouco quixo perderse a cita, acudindo durante a xornada de onte a explicar situacións defensivas e quedándose a comer cos pequenos. “Sempre é un pracer compartir un día cos nenos e con outros adestradores e gozar do baloncesto nunha actividade ideal para o verán”, declarou tras pasar a tarde con eles na praia.
Hoxe será a noite máis especial para os pequenos, que pasarán a noite nos pavillóns para descansar de face á xornada de mañá, que estará repleta de xogos e concluirá coa entrega de diplomas, grazas á colaboración das empresas e institucións Jealsa, Jim Sports, Vive, Gadis, Cabreiroá, ViniGal, Proel, Deporte Galego, C.B. Santa Baia, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia.











