O goberno de Teo pon en marcha un retén nocturno de Protección Civil ata mediados de setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Concello de Teo pon en marcha un retén nocturno de Protección Civil que funcionará durante o período estival, no momento de maior risco de incendios forestais. Dende hoxe o persoal do Servizo Municipal de Emerxencia fará gardas localizadas pola noite para poder dar unha resposta rápida a calquera aviso de incendio forestal.

Trátase dunha medida dirixida especificamente a atender os avisos en materia de lume. As incidencias non urxentes atenderanse como é habitual en horario diurno, entre as 08:00 e as 22:00 horas. O retén nocturno funcionará dende mediados de xullo a mediados de setembro e atenderá os aviso do 112, o encargado de mobilizar os servizos de emerxencias.

O Servizo Municipal de Emerxencias de Teo conta con sete membros financiados con fondos propios municipais e cubren o servizo en quendas de dúas ou tres persoas. Este servizo nocturno “faise cun esforzo económico e persoal extra por parte do persoas e do Concello conscientes da necesidade de ter unha rápida resposta diante dun incendio” explica o concelleiro responsable de seguridade, Rafael Sisto.

O SME conta cunha autobomba forestal cunha capacidade de 3.500 litros de auga, unha autobomba urbana cun depósito de 2.000 litros e un vehículo de primeira intervención, moito máis lixeiro ca os anteriores con 400 litros a alta presión. Normalmente nos avisos por incendio saen dous ou tres vehículos, o primeiro case sempre o de intervención rápida que ten un tempo de resposta menor.

Protección Civil lémbralle á cidadanía que a rapidez é fundamental á hora de minimizar as consecuencias do lume, polo que se ven algún incendio deben avisar o antes posible ao 112.

 

14 de xullo de 2014 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.