O goberno de Lugo estuda a posibilidade de aboar unha parte proporcional da extra de 2012 a todos os funcionarios
O voceiro socialista do Concello de Lugo, Luís Álvarez, avanzou que, xunto cos servizos xurídicos, estudan aboar “unha parte proporcional” da extra de nadal de 2012 os preto de 700 funcionarios dos que consta o equipo municipal.
O anuncio prodúcese tras unha sentenza a favor dunha funcionaria que considera, por vía de contencioso especial a través do Xulgado Número un contencioso administrativo de Lugo, que se vulneran dereitos fundamentais co non pagamento desa parte proporcional da paga de nadal.
Álvarez, tras a xunta de goberno dos mércores, precisou que no seu momento se “acatou a normativa que dita o Goberno do Estado e debía ser así”.
Non obstante celebrou ese fallo xudicial e anticipou que non se recorrerá, de forma que mesmo o Concello de Lugo examina “a posibilidade de aboar esa parte proporcional da extra a todos os funcionarios e persoal laboral sen necesidade de que haxa un recurso por parte de cada un deles”.
Tamén durante a súa comparecencia afeou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non respondera a unha carta pola que o alcalde lle urxía unha reunión con el para tratar o financiamento das obras no Cuartel de San Fernando, que é un Ben de Interese Cultural.
Luís Álvarez reprochoulle que este martes anunciase investimentos para o Concello de Santiago, e polo tanto, que “haxa diñeiro para carballos para un bosque autóctono e non o haxa para apuntalar un edificio protexido”, ironizou.











