O goberno de Ferrol satisfeito co mantemento do partido xudicial e a consecución dun tribunal de instancia
O Concello de Ferrol manifesta a súa satisfacción polo mantemento do partido xudicial e pola consecución dun Tribunal de Instancia que equipara a Ferrol coas outras seis cidades de Galicia no que atinxe a servizos xudiciais. “Non soamente mantemos o partido xudicial senón que Ferrol gaña peso cun novo órgano xudicial que até o de agora non tiña”, manifestou hoxe a voceira do Goberno Municipal, Martina Aneiros Barros.
Ao respecto, Aneiros Barros sinalou que “queda garantida para todos os ferroláns unha xustiza de proximidade e que non teñan que desprazarse ate A Coruña para xestións xudiciais de carácter ordinario”. Así mesmo, a voceira do Goberno que preside Jose Manuel Rey Varela fixo fincapé no feito de que a cidade vaia a dispoñer dun Tribunal de Instancia que permite que Ferrol quede situado ao mesmo nivel xudicial que A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo.











