O goberno de Ferrol adxudica o servizo de axuda no fogar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Benestar Social que dirixe Rosa Martínez Beceiro, garante para os vindeiros catro anos –período 2014 – 2018- o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) a persoas dependentes empadroadas no municipio. O Goberno Municipal sacou hoxe adiante na sesión plenaria a adxudicación desta prestación nas modalidades de libre concorrencia, que depende das valoracións dos técnicos municipais de Servizos Sociais, e de recoñecemento da dependencia que realiza a propia Xunta de Galicia. Un total de 469 persoas se benefician deste servizo no municipio ferrolá; e o investimento no mesmo para os vindeiros catro anos ascende a un total de 10.484.016 euros. O SAF supón 13.300 horas mensuais de atención domiciliaria.

A empresa Clece será a encargada de prestar este servizo pola modalidade de libre concorrencia; mentres que serán catro as empresas que o farán na modalidade de dependencia -Aras Multiservicios S.L, Valoriza, Clece e Eulen-. As persoas beneficiarias por libre concorrencia deben ser persoas maiores empadroadas no termo municipal e deben contar coa valoración dos técnicos municipais de Servizos Sociais. O Concello de Ferrol se encarga de prestar este servizo que non ten lista de espera. Así mesmo, a modalidade de axuda no fogar para dependentes recoñecidos pola Xunta de Galicia é cofinanciada polo Concello e os beneficiarios –estes últimos, en función dos seus ingresos-.

Melloras do servizo

O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) contará con melloras como horas de “respiro” para as coidadores familiares ou o servizo de comidas a domicilio. Ademais, os beneficiarios desta prestación poderán contar con limpezas xerais de carácter gratuíto e préstamo de axudas técnicas como poden ser camas ou cadeiras adaptadas para persoas con mobilidade reducida.

31 de xullo de 2014 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.