O goberno de Cambre axiliza as obras de urbanización de Martín Códax

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+

O goberno local de Cambre licitará nas próximas semanas as obras de urbanización da rúa Martín Códax en O Amorne. O alcalde de Cambre, Manuel Rivas, asegura que o aval das empresas construtoras executouse o pasado 30 de decembro e grazas a esa partida económica poderanse facer as obras. Lembra que custou moito tempo desbloquear este proxecto urbanizador xa que houbo que executar eses avais e contratar un novo proxecto técnico para poder realizar a obra. As promotoras no seu día levantaron os edificios, pero deixaron a rúa sen urbanizar, até o punto que parte desa rúa carece de asfalto. Rivas insiste en que desde que chegou á alcaldía entendeu este problema como prioritario e sostén que se empeñou en desbloquealo desde a súa chegada ao goberno e anuncia que os froitos dese traballo veranse nos próximos meses. “Había que coñecer o estado dos avais e executalos, cousa que fixemos en 2013, logo realizar un proxecto novo de urbanización e agora contratalo. Foron trámites que se alargaron no tempo, pero hai que ser consciente de que o concello vai facer unha obra que non lle correspondería facer e agora fai para mellorar a accesibilidade e o benestar dos veciños, de forma subsidiaria”, apunta Rivas. Trátase en todo caso dun problema herdado do anterior goberno municipal, que desde 2008 non executou eses avais para terminar a obra de forma subsidiaria. Agora, as obras contrataranse durante o verán e o período de execución será dun mes e medio, polo que o executivo local espera que a urbanización da rúa Martín Códax estea finalizada antes de que dea comezo o outono.

Por outra banda, a próxima semana comezarán as obras da segunda fase da praza Manuel Murguía que consistirán en adecuar os bancos pétreos con láminas de madeira para facelos máis cómodos e na súa reorganización coa intención de que a praza deixe un carril libre que una o Paseo Marítimo con cálea Constitución, aínda que tan só poderán acceder por el os vehículos autorizados de discapacitados e servizos de emerxencia.

9 de xullo de 2014 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.