O Goberno da Coruña destina un millón de euros a obras de mantemento e investimento en centros escolares
O concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Francisco Mourelo, informou hoxe sobre as obras de investimento e mantemento que se executaron durante o presente curso escolar “para que os centros públicos de Infantil e Primaria (CEIP) do Concello e as Escolas Infantís Municipais (EIM) continúen nas condicións óptimas para iniciar o curso 2014/15. En total, entre novas obras e traballos de mantemento, realízanse e realizarán nos próximos meses 247 actuacións”, explicou Mourelo.
Así, dos 521.500 euros que a Concellaría de Educación dispón no presente curso para obras de investimento nos CEIPS públicos e EIM, adxudicáronse 432.559 euros, o que supón un 83% do orzamento total neste capítulo para este ano.
“Esta cantidade en obras de investimento xa se empezou a executar nas vacacións escolares de Semana Santa en 5 CEIPS. En concreto, realizáronse 6 obras por valor de 31.690 euros:
– Peche da parte superior do patio e instalación da canaleta lateral no Juan Fernández Latorre.
– Reforma dos baños para adaptalos á normativa de seguridade e hixiene no Anxo da Garda e no Montel Touzet.
– Colocación da porta de seguridade no Curros Enríquez.
– Cambio de chan de 3 aulas de Infantil no Rosalía de Castro.
“Ademais durante os meses de xullo e agosto, co compromiso por parte das máis de 20 empresas responsables, realizaranse 25 intervencións; e outras 8 realizaranse entre os meses de setembro e decembro, ao poder realizarse con total seguridade mentres se desenvolven as clases”, explicou Mourelo, quen engadiu: “En total, falamos de 33 intervencións en 21 centros (19 CEIPS, 1 EIM e 1 CEE -Centro de Educación Especial-) entre reformas integrais dos aseos para adaptalos á normativa de seguridade e hixiene, reposición de chan, a impermeabilización dalgunhas terrazas, a instalación de canlóns, a reposición de peches, a pavimentación e pintura das pistas deportivas e dos xogos infantís, a apertura de portas de seguridade en polideportivos que non a tiñan ou cambios de caldeira”.
A esta cantidade hai que engadir 440.000 euros para obras de mantemento dos cales están adxudicados 235.560 euros, é dicir, un 53,5%. Esta cantidade, que se está executando desde o mes de xaneiro, suporá, unha vez finalizado o mes de agosto, 214 intervencións en todos os Ceips públicos do Concello. O 46,5% restante será executado desde setembro a decembro de 2014.
Sumados os orzamentos de investimento e de mantemento temos un orzamento total de 961.500 euros.
“Supondo que as necesidades dos centros fosen as mesmas e puidésemos repartir de forma lineal o orzamento anual en investimento e mantemento por todos os centros públicos da cidade, en cada un deles estanse investindo 29.136 euros anuais (son 13.136 euros máis dos 16.000 euros que segundo o Partido Socialista hai que investir en cada centro educativo segundo establece a Unión Europea). Sería bo que o Partido Socialista, dixésenos en que documento europeo está establecida esta suposta cantidade, porque de ser certa e oxalá que o sexa, resulta que o Concello está a investir un 82 % máis do marcado”, destacou o concelleiro.
“Estes datos -concluíu-, confirman o compromiso inequívoco do Goberno local polo gasto social en educación xa demostrado cos datos incontestables de participación do Coruña Educa e o novo Regulamento das EIM. Un gasto social que se inviste ano a ano, despois dunha análise rigorosa das necesidades de cada centro, tal e como demanda a cidadanía e o contexto económico actual, en canto a eficiencia no gasto público e transparencia na xestión das diferentes obras de investimento e mantemento dos centros educativos de Infantil e Primaria así como das EIM da cidade”.











