O Fórum Gastronómico Coruña 2015 xa conta con data de celebración en marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O alcalde da cidade, Carlos Negreira, acompañado do Presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, e dos dous directores do Fórum Gastronómico, Pep Palau e Jaume von Arend, comunicou con satisfacción en rolda de prensa a decisión de celebrar un ano máis este evento.

Así, tralo grande éxito acadado, e tal e como anunciara a tenente de alcalde Luisa Cid no peche da pasada edición no mes de febreiro, o Fórum Gastronómico repetirá do 15 ao 17 do vindeiro mes de marzo no recinto feiral de ExpoCoruña, supoñendo a quinta edición en Galicia e a plena consolidación do evento na Coruña. O cambio de datas, segundo declaracións de Jaume von Arend, foi para non coincidir con ningún evento do calendario gastronómico galego.

A Coruña acolleu na súa primeira edición a máis de 21.000 persoas que acudiron ao recinto feiral no que case un cento de profesionais realizaron máis de 50 sesións de cociña en directo e a porcentaxe de ocupación foi do 100% en todas elas. Do mesmo xeito, a satisfacción das empresas expositoras foi tal que a maioría teñen a intención de volver participar e por ese motivo xa está aberta a comercialización de espacios.

Para a edición do 2015 o modelo será o mesmo que ata o de agora, un grande espazo feiral coas mellores empresas do sector xunto con numerosas actividades protagonizadas por grandes profesionais, aínda que o modelo segue a evolucionar e incluirá algunhas novidades de maneira que poidan convivir harmonicamente o público profesional e o público gastrónomo, como declararon os directores. Por este motivo, a organización xa está a traballar no proxecto para que o Fórum se converta, unha vez máis, na cita de referencia e A Coruña sexa durante 3 días a capital gastronómica de Galicia e de todo o Arco Atlántico.

A campaña deste ano baséase na continuidade da mensaxe “Coruña está para comérsela” engadindo un novo elemento “Repetirás!”.

A Deputación da Coruña, patrocinador institucional do evento xunto co Concello, aposta tamén un ano máis polo Fórum e así fíxoo constar o seu Presidente, Diego Calvo. Igualmente, Estrella Galicia volverá ser o patrocinador principal.

Segundo manifestou Pep Palau, repetirase o compromiso coa cociña galega e coa cidade e o reto será acadar os mesmos resultados que en febreiro de 2014.

Este ano o Fórum celebra 15 anos en Barcelona dende a súa creación no 1999.  

14 de xullo de 2014 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.