O Fifty gaña o XXXIX Trofeo Conde de Gondomar
O Fifty do Monte Real Club de Iates de Baiona conseguiu subirse todo o máis alto do podio do XXXIX Trofeo Conde de Gondomar. A tripulación, con Rui Ramada á fronte, fíxose coa vitoria na Clase 1, e isto elevounos ao posto máis alto da competición.
Os portugueses levaron o ouro dun trofeo marcado pola meteoroloxía adversa. Se na xornada do sábado era o vento o que dificultou a navegación dos veleiros, obrigando a moitos a abandonar a proba, hoxe foi intensa néboa a que fixo que se suspendese o barlovento-sotavento que se ía a disputar a partir do mediodía.
Así as cousas, a clasificación estableceuse en base aos resultados das probas do tres días previos. Na categoría dos grandes barcos, o Fifty fíxose co primeiro posto, deixando o segundo e o terceiro para o Castrosúa de Willy Alonso, tamén do Monte Real, e para os Aceites Abril, de Luís e Jorge Pérez Canle. Estes últimos, do Club Náutico de Vigo, recibiron un dobre parabén, ao facerse tamén, co Campionato de España de Altura.
Na Clase 2 os postos de honra ocupáronos o Corsario, do Club de Mar de Vilagarcía, con José Durán á fronte; o Bosch Services Solutions, do Club Marítimo de Canido, patroneado por Ramón Ojea; e o Fend A Bise, de Jean Claude Sarrade, do Yatch Club Porto.
O Unus de Luís García Trigo, do Club Náutico Punta Lagoa, fíxose co ouro dos barcos da clase 3-4. A prata foi para as Marías, de Manuel María Cunha, do Monte Real, e o bronce tamén quedou no club baionés, da man da Lúa Nova de Juan Luís Tuero.
A vitoria na competición en tempo real dos J80 levouna as Marías, de Manuel María Cunha.
A entrega de premios do XXXIX Trofeo Conde de Gondomar realizouse este domingo nas instalacións do Monte Real, con presenza do presidente do club, Rafael Olmedo; o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña; o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; o director de I+D de Marine Instruments, François Piñeiro; e o vicecomodoro do club, Alejandro Retolaza.
A próxima competición do Monte Real é unha das grandes citas dos amantes da vela, o Trofeo Príncipe de Asturias. Disputarase entre os días 5 e 7 de setembro. Trátase da competición máis importante organizada polo club baionés, que se celebra de forma ininterrompida desde a súa creación, en 1985, e que atrae á elite da flota nacional e internacional ás augas de Baiona.
GAÑADOR CLASIFICACIÓN XERAL XXXIX TROFEO CONDE DE GONDOMAR
Fifty
CLASIFICACIÓN ORC 1
1.Fifty
2.Castrosúa
3.Aceites Abril
CLASIFICACIÓN ORC 2
1.Corsario VIN
2.Bosch Service Solutions
3.Fend A Bise
CLASIFICACIÓN ORC 3-4
1.Unus
2.Marías
3.Lúa Nova
GAÑADOR J80 EN TEMPO REAL
1.Marías
2.Lúa Nova
3.Namasté











