O Festival Folclórico “Parque do Carboeiro” consolídase como unha cita de referencia para o folclore da comarca

Unha das actuacións no festival folclórico
A gran afluencia de público e o nivel das actuacións rexistrado nesta segunda edición do festival folclórico “Parque do Carboeiro” consolidan a este certame como unha cita de referencia para o folclore da comarca. “Este festival folclórico é digno sucesor da Festa Enxebre, que faciamos na Illa do Refuxio ata hai dez anos e ao que non nos deixaron dar continuidade”, explicou o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, quen indicou que con este tipo de actividades “estamos colaborando a dar a coñecer a nosa música e a manter as nosas tradicións”.
Un festival que nestas dúas edicións estivo moi vencellado á meteoroloxía. Se na primeira edición tivo que superar unha vaga de calor que motivou unha demora de máis de dúas horas, a segunda edición tivo que pospoñerse por todo o contrario: por un forte trebón caído a semana pasada. Porén, a temperatura do pasado sábado era ideal para a celebración do festival, o que atraeu a centos de veciños e visitantes da contorna.
O concelleiro de Cultura, Antonio Leira, agradeceu a presenza do público e dos catro grupos participantes, sobre todo despois do mencionado aprazamento. Así mesmo, amosou o seu máis profundo agradecemento “ás agrupacións locais que colaboraron na organización desta festa e sen cuxo traballo non podería ter lugar: Lembranzas do Tambre, Néboas no Cumio e Buxos Verdes”. Leira fixo unha mención especial cara Buxos Verdes, que por razóns de axenda non puido participar no festival ao teren apalabrado outra actuación con anterioridade.
Actuacións
A festa comezou pasadas as 18:30 horas coa actuación dos distintos grupos que compoñen “Lembranzas do Tambre” (pandereteiras, grupo de gaitas, grupo de baile, grupo de baile infantil…), que tamén foron os encargados de pechar as actuacións pasadas as nove da noite. Os segundos en aparecer sobre o escenario foron os membros de “Sementes do Arte” (Ordes), quen aceptaron o convite do Concello de Oroso para substituír a baixa de última hora do grupo de baile Agrocobo (Muros).
Despois foi a quenda das habaneras e muiñeiras de “Néboas no Cumio” (Sigüeiro), que remataron a súa actuación cun improvisado baile e despois de varios bises. O grupo convidado deste ano, “Vive lo nuestro” (Badajoz), ofreceu unha selección de xotas estremeñas que foron moi aplaudidas polos presentes. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Cultura, Antonio Leira, fixeron entrega duns agasallos aos grupos participantes. Acto seguido, comezou unha churrascada no parque do Carboeiro na que participaron centos de veciños e veciñas ata ben entrada a noite.











