publicidade hoxe

O Festival de Ortigueira volverá a difundir o folk galego na trixésima edición do evento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendarioLocal PortadaOrtigueira
A-
A+
Presentación do Festival de Ortigueira. Foto: X. Crespo

Presentación do Festival de Ortigueira. Foto: X. Crespo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incidiu hoxe no relevante papel xogado polo Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira a prol da posta en valor do folk galego no mundo, así como da difusión en Galicia das músicas tradicionais doutras procedencias. Xesús Vázquez Abad fixo estas declaracións na presentación realizada na Cidade da Cultura sobre a da trixésima edición do evento que se desenvolverá a partir deste xoves 17 e ata o domingo 20 de xullo na localidade coruñesa.

No acto, no que tamén participaron o alcalde de Ortigueira, Rafael Girón; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e representantes das empresas Gadis e Coca-Cola (principais patrocinadores privados), o titular de Cultura expresou o apoio da Consellería ao encontro que cualificou de “festival de festivais” e do que reivindicou a súa importancia “dentro da oferta cultural galega máis nosa”, dixo¬.

Vázquez Abad recoñeceu a achega da cita de Ortigueira ao longo de tres décadas de desenvolvemento parello ao propio asentamento do folk galego e identificou as edicións fundacionais do festival “como a orixe do que hoxe é, non só a nosa riqueza musical nos ámbitos da creación e da interpretación, senón tamén a nosa actual industria musical”. Neste sentido, o conselleiro relacionou o feito de que Galicia exerza o vindeiro mes de outubro como anfitrioa do Womex 2014, o meirande mercado internacional de ‘world music’, coa constatación da existencia na nosa Comunidade “dunha vizosa tradición musical cunha industria propia que a sustenta, circunstancia na que os festivais folk —asegurou— desempeñaron sempre unha función determinante”.

Catro días e tres noites

O programa do XXX Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira propón catro días e tres noites de música cun total de 15 concertos gratuítos, desfiles de bandas, unha feira de artesanía, varios obradoiros de danza, concursos para artistas emerxentes, dúas exposición de fotografías e de carteis históricos do evento, así como a habitual zona de acampada no piñeiral da praia de Morouzos.

Mais o principal reclamo deste ano, para o que os organizadores prometen “unha edición para o recordo” é a presenza no Escenario Alameda de Milladoiro (o 18 de xullo), mítico grupo vinculado a Ortigueira desde os comezos do festival, e da banda irlandesa The Chieftains (o día 17), que volve á vila coruñesa dez anos despois do memorable concerto de debut en Galicia que ofrecera alí en 2004.

Declarado de Interese Turístico Internacional, o Festival de Ortigueira xa ten todo a punto para recibir os milleiros de visitantes que cada verán viven o espírito celta deste encontro a través da música de artistas consagrados e noveis. Así, baixo o lema ‘Lévalo dentro. Sínteo’, a oferta deste ano presenta concertos únicos en España, como o da escocesa Treacherous Orchestra ou o espectáculo ‘Fest Rock’, de Bagad Kemper e Red Cardell; así como os recitais de bandas galegas que estrean traballos, como as lideradas polos gaiteiros Pepe Vaamonde ou Anxo Lorenzo, entre outras.

Novidades

Entre as novidades desta trixésima edición están os reforzados ‘Concurso Runas’, os concursos vespertinos de gaita e de cuartetos tradicionais e o curso da Universidade de Verán da USC ‘Industria musical en Galicia. Identidade e novas tendencias’. Tamén se recupera a figura do presentador, que encarnará para a ocasión o actor Carlos Blanco, quen animará as noites do Escenario Alameda co seu humor irónico.

Potenciar a programación, reforzar servizos prioritarios para garantir a seguridade, a limpeza e a comodidade das decenas de miles de visitantes que visitan Ortigueira para participar no festival e manter a gratuidade (a excepción do euro que deberán aboar os que se movan entre a praia e a zona de concertos en bus urbano, e o custo do aparcadoiro vixiado) foi posible grazas á implicación do Concello de Ortigueira e ao apoio de institucións e empresas colaboradoras como a Consellería de Cultura e Educación, a Deputación Provincial da Coruña, Turismo de Galicia, o Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM), Gadisa e Coca-Cola.

14 de xullo de 2014 | 13:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.