O Festigal contará cunha exhibición de artes marciais históricas europeas
O Festigal 2014, encontro cultural, musical e político que organizan a Fundación Galiza Sempre e Galiza Nova con motivo da celebración do 25 de xullo, acollerá este ano unha exhibición de artes marciais históricas europeas, baixo o título ‘Gallaecia in Armis’.
Terá lugar o Día da Patria a partir das 16,00 horas no campus sur de Santiago de Compostela, ocasión en que os espectadores poderán contemplar unha mostra de esgrima antiga e do xogo de pau galego.
Ademais, a “febre” da billarda terá unha das súas citas no aberto de Billarda, o 25 de xullo coa Liga Nacional de Billarda, que se desenvolverá entre as 17,30 e as 19,00 horas.
A continuación será a quenda do acto de presentación da Plataforma Por Oficialidade Galega e os eventos deportivos concluirán coa ‘All Stars Liga Gallaecia: Interior vs AP-9′ de fútbol gaélico’.
Este deporte, que segundo explica a organización, é de “fondas raíces celtas”, mantén o “espírito comunitario e o orgullo pola cultura propia”, ata o punto que tamén recolle as “lendas tradicionais” que fan referencia ao deporte en equipo máis lonxevo.
Estas actividades intégranse nas máis de cen programadas nesta edición do Festigal 2014 e que se desenvolverán entre o 24 e o 25 de xullo, cunha oferta de ocio gratuíta destinada á xuventude e que tamén constitúe un “escaparate da música reivindicativa” do país.











