O ex-ciclista Marcos Serrano colaborará no campus de verán de ciclismo en Gondomar
O vindeiro 28 de xullo dará comezo o Campus de Ciclismo coorganizado polo Club de Ciclista Gondomar e o Concello, xunto coa colaboración do ex-ciclista Marcos Serrano. A actividade, que se desenvolverá ata o próximo 1 de agosto, impartirase en horario de 9.30 a 13.30 horas, e está destinado a nenos/as de 6 a 16 anos. O prezo é de 35€ (inclúe a entrega dun maillot a cada un dos participantes ademais de outros agasallos).
Os/as interesados/as poderán atopar a ficha de inscrición na páxina web do Concello (www.concellodegondomar.info) e deberán entregala no Centro de Desenvolvemento Local en horario de 09.00 a 14.00 horas.
Máis información no teléfono 609.820.465 ou na dirección de correo electrónico promarcoser@hotmail.com.
Sobre Marcos Serrano
Nacido en Redondela, empezou no ciclismo aos sete anos, pasando ser profesional en 1993 sendo un dos gregarios españois máis destacados da súa época.
Comezou a súa etapa de profesional no Club Kelme (1993-1998), para logo fichar polo equipo ONCE (1999-2003). No 2004 iniciou a súa andaina no Liberty Seguros ata o 2006. En 2007 fichou polo Karpin Galicia, onde disputou a súa última tempada como profesional.
En 2005, Serrano impúxose na décimo oitava etapa do Tour de Francia, disputada entre as localidades de Albi e Mende, sumando esta vitoria a outros triunfos como a Milán-Turín de 2004 ou a Volta a Galicia de 1999.











