O estudo sobre o aumento da actividade física e deportiva na comunidade exponse nun acto na USC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Lete Lasa na presentación da enquisa sobre hábitos deportivos. Foto: X. Crespo

Lete Lasa na presentación da enquisa sobre hábitos deportivos. Foto: X. Crespo

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, o reitor da USC, Juan Viaño e o Catedrático da USC Constantino Arce, presentaron esta mañá os resultados da enquisa sobre Hábitos de actividade física e deportiva da poboación galega. Estudo de Poboación 2013, realizada pola Secretaría Xeral para o Deporte en colaboración coa Fundación Deporte Galego e a Universidade de Santiago de Compostela.

No transcurso do acto celebrado na institución académica, o secretario xeral para o Deporte manifestou a súa satisfacción porque o estudo demostra que “na nosa sociedade ten calado a identificación da práctica deportiva coa calidade de vida, coa saúde, co benestar físico e psíquico” e puxo como exemplo o feito de que, segundo o estudo presentado hoxe, o 70,75% dos galegos maiores de 18 anos (7 de cada 10) ten o hábito de realizar actividade física polo menos unha vez á semana durante o seu tempo libre, o que supón un avance de 15,65 puntos respecto ao nivel do ano 2007.

Lete Lasa asegurou que os positivos datos desta enquisa realizada no último trimestre de 2013 anima ao goberno galego “a seguir a traballar na política de xeneralización da actividade física e o deporte no noso país como ferramenta de saúde”, o que precisamente é o obxectivo prioritario da Secretaría Xeral para o Deporte e que se desenvolve a través do Plan Galicia Saudable, no que conflúen esforzos de todos os departamentos da Xunta así como doutras institucións públicas e privadas da comunidade.

O secretario xeral destacou que se ben en tempos pasados a meirande parte das actuacións e orzamentos das administracións nesta materia encamiñábanse ao tecido deportivo, ás competicións e ás instalacións, na actualidade “o eixo esencial de calquera política deportiva céntrase na xeneralización da actividade entre todos os grupos de poboación, logo das evidencias científicas sobre os beneficios do deporte e da actividade física sobre a saúde”. Por iso, engadiu, “queremos seguir crecendo en practicantes e en frecuencia, porque o noso horizonte está en cada un dos galegos e galegas”.

Principias datos da enquisa

O estudo, no que participaron 1.200 persoas de toda a comunidade, de ambos sexos e maiores de 18 anos, é unha das accións do Plan Galicia Saudable e realizouse co fin de comezar a avaliar os obxectivos da posta en marcha deste programa interdepartamental da Xunta, que coordina a Secretaría Xeral para o Deporte e ao cal se adheriron xa 496 entidades de Galicia.

Ademais do incremento da práctica deportiva en case 16 puntos con respecto ao ano 2007, o estudo amosa bastante igualdade entre as catro provincias e que, se ben hai unha maior porcentaxe de homes que practica (73,74%) que de mulleres (68%), esta diferenza se reduciu en case 2 puntos con respecto ao ano 2007, xa que desde entón a porcentaxe de mulleres que fan deporte aumentou nun 16,8%, fronte ao 14,84% no caso dos homes.

Por tramos de idade, o maior incremento na práctica deuse na franxa dos 65 aos 74 anos, cun 26,1%.

A actividade física máis practicada polos galegos é camiñar, un hábito para o 40,42% dos maiores de 18 anos, é dicir, algo máis de 4 de cada 10, moi por riba das demais prácticas. Esta porcentaxe ascendeu notablemente desde 2007, cando era do 27,47 %.

Descontando a actividade de camiñar e considerando só as persoas de entre os 18 aos 70 anos e que practican máis dunha vez por semana, a porcentaxe de práctica físico deportiva en Galicia é do 41,9%, situándose lixeiramente por riba da media española, que é de 41, 8% para as mesmas condicións (SporCvltvra Barcelona, 2013).

En relación coa frecuencia e duración das sesións de actividade física, os galegos, por termo medio, realizan unha media de 4,15 sesións de exercicio semanal e dedícanlle 78,25 minutos a cada unha delas, o que significa que invisten unha media de 324,74 minutos semanais, superando amplamente as recomendacións mínimas da Organización Mundial da Saúde (OMS), que son de 150 minutos de actividade física semanal moderada.

As dez actividades máis practicadas polos galegos/as maiores de 18 anos, é, por orde de maior a menor porcentaxe de practicantes: camiñar (40,42%), acondicionamento físico en ximnasio (8,33%), correr (7,83%), ximnasia de mantemento (5,42%), actividades aeróbicas con soporte musical (5,42%), nadar (5 %), andar en bicicleta (4%), fútbol (4%), pilates (3%) e pádel (2,42%).

Con respecto á evolución na orde de práctica desde 2007 a 2013, camiñar mantén o primeiro posto e ademais é a actividade que máis ascende entre as dez primeiras. Melloran as súas posicións relativas o acondicionamento físico en ximnasio, correr, ximnasia de mantemento, actividades aeróbicas con soporte musical e andar en bicicleta e, por primeira vez, pilates e pádel incorpóranse á listaxe dos dez primeiros postos. Pola súa parte, nadar e fútbol perden peso relativo, mentres que fútbol sala e pesca saen desta táboa.

En relación co efecto positivo do exercicio físico na saúde mental das persoas, o estudo reflicte que as que practican actividade física regular no seu tempo libre considéranse en mellor forma física e cun mellor estado de saúde, e séntense máis felices e satisfeitas na vida que as que non realizan exercicio físico regular.

9 de xullo de 2014 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.