publicidade hoxe

O escritor Xerardo AgraFoxo presentará en Lousame a súa obra “A maleta de Victoria Kent”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O escritor noiés Xerardo AgraFoxo presentará a súa novela “A maleta de Victoria Kent” este domingo 27 de xullo, ás 19:00 horas, no centro social “Pepa de Vicente” de Aldeagrande (Lousame). Trátase dun acto organizado polo Concello de Lousame e a Editorial Galaxia ao que están convidados todos os veciños e veciñas que desexen participar.

Xerardo AgraFoxo estará acompañado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e por Maite Sobradelo Creo, licenciada en Xeografía. Así mesmo, o acto contará cunha actuación musical a cargo da Escola de Música de Lousame.

Inspirado na vida de “O Pombeiro”

Xerardo AgraFoxo (Noia, 1952) é profesor e doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e leva escritos máis de vinte libros de investigación histórica, entre eles os tres volumes de A Guerra Civil en Lousame e Noia, así como o libro Memorias do franquismo (A época do wolfram en Lousame. A corporación de Noia en Meirás) (2002). No ano 2006, seguindo coa súa tarefa de historiar a vida do seu concello, publicou os volumes Crónicas dunha democracia (A transición política en Noia. Os dous mandatos de Díaz Fornas) e A revolta nacionalista (A Noia de Pastor Alonso. O goberno de Bieito González). Dous libros que tiveron continuación cando saíu, en 2008, o derradeiro volume desta triloxía: Noia no cambio de século.

No ano 2007 publicou Biografía de María Mariño e María Mariño: retrato dunha vida. Como narrador, no ano 2003 deu ao prelo o libro de relatos O triángulo de Óscar Wilde, un periplo narrativo por varios personaxes e autores da literatura e a arte universal escrito desde a convicción de que a ficción pode axudar a clarexar os matices da historia real. No ano 2004, obtivo o Premio García Barros coa novela Unha viaxe no Ford T e posteriormente vería a luz O violinista de Malá Strana (2008), tamén do xénero novelesco.

A maleta de Victoria Kent é unha novela inspirada na vida de Xosé Romero Tubío “O Pombeiro”, o primeiro presidente do Sindicato Agrario de Oficios Varios de Cruído (Lousame) e que foi asasinado o 16 de setembro de 1936 no primeiro “paseo” realizado polos falanxistas de Noia e Lousame.

23 de xullo de 2014 | 12:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.