O Equipo Bravo3 participará no I Festival Aéreo Internacional da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Equipo Bravo 3

Equipo Bravo 3

A Patrulla Repsol, un dos mellores expoñentes da acrobacia aérea española, participará na I Edición do Festival Aéreo Internacional da Coruña en virtude do acordo alcanzado entre o Consorcio de Turismo e a Refinaría de Repsol e polo cal a unidade Equipo Bravo3 Repsol participará na exhibición aérea do domingo 20 de xullo. Esta colaboración enmárcase dentro do programa de actuacións que a Refinaría Repsol está a levar a cabo con motivo do seu 50 aniversario.

Cun amplo palmarés nacional e internacional, entre eles varios campionatos e subcampeonatos de España, os dous pilotos da unidade que voarán este domingo gañaron máis de 25 medallas en distintas competicións, entre elas, varios campionatos de España.

A presidenta do Consorcio de Turismo, Luisa Cid, destacou a importancia da participación do equipo acrobático de Repsol na primeira edición do festival aéreo coruñés: “Trátase dunha empresa intimamente vinculada ao desenvolvemento da cidade que participa no espectáculo achegando o seu equipo de acrobacia, que é un dos grandes nesta modalidade de voo”, explica a edil.

O programa de voo do Bravo3 Repsol é diferente a calquera outra exhibición, xa que inclúe dous avións de altas prestacións, Sukhoi 26 en formación pechada, combinando con figuras de estilo libre de gran espectacularidade, unha combinación única polo seu contido e nivel de pilotaxe. Os dous pilotos, Anselmo Gámez e Juan Velarde, son comandantes de voo e a súa próxima cita no calendario deportivo será o Campionato de Europa de Voo Acrobático que se disputará en Hungría o próximo mes de agosto.

O I Festival Aéreo Internacional da Coruña celebrarase o domingo, 20 de xullo, no Paseo Marítimo, no tramo entre a Torre de Control e o Club do Mar entre as 12.00 e 14.30 horas. Ademais do Equipo Bravo3 Repsol, participarán algunhas das máis importantes unidades acrobáticas como a Patrulla Águila.

16 de xullo de 2014 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.