O emulador de voo da Patrulla Águila estará no Parrote dentro dos actos do I Festival Aéreo da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O emulador de voo da Patrulla Águila incorporarase a próxima semana ao I Festival Aéreo da Coruña, evento organizado polo Consorcio de Turismo que preside Luisa Cid e que culminará o domingo, 20 de xullo, cunha gran exhibición aérea no paseo marítimo, entre a Torre de Control e o Club do Mar.

O emulador de voo instalarase o venres, 18 de xullo, no Parrote, e estará operativo até o domingo, día 20, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas. O acceso será gratuíto. Durante estes tres días, quen o desexen poderán subirse a esta cápsula deseñada con técnicas similares ás dos simuladores espaciais e que reproduce con gran fidelidade as sensacións que teñen os pilotos da Patrulla Águila cando realizan un espectáculo acrobático.

Cada simulación terá unha duración media de oito minutos e no interior do emulador, con capacidade para 14 persoas, proxectaranse imaxes de gran impacto visual asociadas ao movemento coordinado da cápsula e ao son, unha combinación que permite ao viaxeiro experimentar a sensación de ser o protagonista dunha exhibición aérea.

EXPOSICIÓN E CONFERENCIAS

O emulador de voo da Patrulla Águila converterase deste xeito nun dos grandes atractivos da I Edición do Festival Internacional Aéreo da Coruña, cuxo acto central se celebrará o 20 de xullo coa participación de máis de 30 avións, pero que tamén inclúe actividades previas, como a mostra de dous avións en estática do Museo do Exército do Aire -un T6 e un Saeta-, expostos no Parrote desde o pasado xoves e que permanecerán na cidade até o final do festival.

Ademais, o evento permitirá aos cidadáns participar noutras actividades de simulación e control aéreo a través de ordenadores (o sábado, 19 de xullo, na Fundación Abanca) e asistir a conferencias. Todas as actividades son gratuítas.

12 de xullo de 2014 | 11:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.