O Dolmen de Dombate poderá visitarse durante as noites de verán
A Deputación da Coruña vén de renovar o convenio de colaboración co Concello de Cabana de Bergantiños para a atención de turistas ao dolmen de Dombate ata final de ano, así como doutras actividades complementarias no recinto. Este ano, coma novidade, organizaranse visitas nocturnas ao monumento durante os meses de xullo e agosto.
Estas visitas guiadas veñen a complementar ás que tradicionalmente se organizan en horario diúrno para calquera interesado todos os días da semana do verán, salvo os luns. As visitas nocturnas que se incorporarán nesta campaña se realizarán os venres, comezarán ás once da noite e terán unha hora de duración.
Esta actividade é posible grazas á iluminación interior e graduable da que dispón o Dolmen e inaugurarase este venres.
O horario de atención ao público será de martes a domingo de 11.00 a 14.00 e de 16 a 20.00 horas en temporada alta (de xullo a setembro) e durante os meses de inverno, de outubro a decembro, a recepción de visitantes se concentrará nos fines de semana mentres que os grupos de escolares poderán visitar as instalacións os venres.
Actividades complementarias
Entre o resto de iniciativas que o concello se compromete a levar a cabo a través deste convenio está o denominado “tren arqueolóxico de Dombate”, que consiste en percorridos circulares nun tren turístico que terán como principio e fin o centro arqueolóxico.
Ademais, prevense outras accións nos meses de outono e inverno como sesións de contacontos, música e escenificacións teatrais que aproveitarán a acústica do entorno e a cuberta contra as inclemencias do tempo.
Tamén se contemplan obradoiros artesanais diversos no centro de recepción de visitantes, así coma calquera tipo de actividade cultural que poida acoller o centro como charlas de divulgación científica e medioambiental.
Para executar todo este programa, a Deputación da Coruña achegará 28.140 euros ao Concello de Cabana de Bergantiños, que asumirá o servizo de atención a visitantes, aos que facilitará información turística e cultural da zona.











