O desfile de clans e as vodas inician a terceira ‘Festa Castrexa’ en Burela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurela
A-
A+
Vodas na Festa Castrexa de Burela

Vodas na Festa Castrexa de Burela

A terceira edición da FESTA CASTREXA de Burela (Lugo), organizada un ano máis pola Asociación de Comerciantes e Empresarios de Burela, deu comezo este venres cun espectacular e multitudinario desfile de clans polas rúas da vila. Uns 30 clans e 800 participantes percorreron os máis de 2 kilómetros ata chegar ó Porto de Burela, onde se celebrou máis tarde a cerimonia das vodas castrexas.

Á 1 da madrugada, coincidindo coa noite de lúa en cuarto crecente, o porto de Burela foi o escenario no que vinte parellas casaron polo rito celta, nunha cerimonia que contou con espectáculo de lume, casamentos castrexos, conxuro e queimada para os noivos.

Esta terceira FESTA CASTREXA de Burela continúa durante toda a fin de semana, na que as principais rúas, prazas, hostalería e comercios de Burela reviven o seu pasado castrexo.

O sábado celébranse os tradicionais Xogos Castrexos “A Guerra dos Clans” pola mañá e “A Busca do Torques de Ouro” pola tarde, que ofrecen un ano máis importantes premios económicos: 500€ e 1000€ respectivamente.

A gastronomía tamén ten un papel protagonista na festa, xa que os locais de Burela ofrecerán durante estes días tapas castrexas a 2€ e menús castrexos a 12€.

Actuacións musicais, mercado tradicional, xogos infantís, premios ás mellores caracterizacións castrexas, tanto de grupos como de locais, e un sorteo de 1000€ en vales de compra entre os clientes do comercio local completan o progama festivo deste ano.

5 de xullo de 2014 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.